Novas

Venres, 20 de xaneiro de 2017

Os populares recordan que esta actuación poderíase resolver por vía da ordenanza que no seu día propuxo o PP e rexeitou o equipo de Goberno, na que se solicitaba que, “en tanto non dispoñamos dun PXOU, se establezan criterios para a execución das obras nas vías públicas”

O PP pídelle ao alcalde que lle solicite á Deputación a inclusión das obras de renovación do pavimento e das beirarrúas da rúa Rof Codina no Plan Canon “polo lamentable estado que presenta o vial”

Julia Rodríguez critica que o Goberno local teña actuado dun xeito “moi pouco afortunado” nas beirarrúas deste vial, “deixándoas de maneira que son pouco practicables para persoas con dificultades de mobilidade”

O Grupo Municipal do PP pídelle ao alcalde, o socialista Tomé Roca, que lle solicite á Deputación de Lugo a inclusión das obras de renovación do pavimento e das beirrarúas da rúa Rof Codina no Plan Canon das anualidades 2008-09-10, ante o “lamentable estado que presenta o vial”. Os populares critican que o Goberno local teña actuado dun xeito “moi pouco afortunado” nas beirarrúas deste vial, “deixándoas de maneira que son pouco practicables para persoas con dificultades de mobilidade”.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, recorda que na Xunta de Goberno local do 5 de decembro de 2016 aprobáronse as actuacións de renovación da capa de rodadura en cinco vías urbanas, cun importe de 43.024 euros a incluír no Plan Canon Hidroeléctrico referido as anualidades 2008 a 2010.

Non obstante, precisa Rodríguez, en Xunta de Goberno Local do 19 de decembro modificouse dito acordo no sentido de incluír no Plan Canon sinalado unha actuación consistente na renovación da capa de rodadura na rúa Rof Codina por un importe de 7.497 euros e solicitar á Deputación a súa inclusión no Plan Canon referido ás anualidades 2008-2009-2010. Sen embargo, lamenta a popular, “dende o PP a día de hoxe non temos constancia de que isto se teña acometido, polo que se pide que se faga tamén coas beirarrúas”.

Dende o PP indican que é obvio que a rúa Rof Codina precisa dunha actuación mais ambiciosa que lle de continuidade, “pero en tanto non se leva a cabo, cómpre dotala dunha capa de rodadura”. Ademais, apuntan, “non se pode obviar o mal estado das súas beirarrúas e as dificultades de accesibilidade que presentan”. “Trátase de beirarrúas moi estreitas que por mor dos vados existentes perden a horizontalidade dificultando a seguridade para as persoas maiores e moi especialmente o tránsito das persoas en cadeira de rodas ou con cadeiras de nenos”, lamentan os populares.

A ordenanza proposta polo PP arranxaría esta situación

Rodríguez recorda que esta actuación poderíase resolver por vía da ordenanza que no seu dia propuxo o PP e rexeitou o equipo de Goberno, “na que se solicitaba que, en tanto non dispoñamos dun PXOU, se establezan criterios para a execución das obras nas vías públicas, tanto as que se fan a instancias de empresas privadas como as que son promovidas polo Concello ou outras administracións”. A voceira sinala que “se pretendía así, harmonizar as vías que se vaian reformando, tomando medidas coordinadas e coherentes respecto dos accesos a vados, materiais empregados, etc”.

Unha actuación máis ambiciosa

Dende o PP avanzaron que tamén solicitarán unha actuación máis ambiciosa, que permita humanizar a rúa Rof Codina e o acceso a gardería municipal, “dado que ambas as dúas presentan dificultades para o estacionamento”. Os populares sinalan que por este motivo, “instaremos ao Goberno municipal a que faga xestións cos propietarios de solares nas inmediacións de ambas as rúas, para que se permita dispoñer dun maior número de estacionamentos nese entorno e por tanto, facilitar o tránsito de vehículos e peóns e humanizar así ámbolos dous viais”, conclúen.

Novas

Redes Sociais