Novas

Martes, 24 de xaneiro de 2017

O Grupo Municipal Popular sostén que a falta de traballo do equipo de Goberno impide que os veciños e veciñas se beneficien de medidas como as propostas para a rehabilitación de vivendas, máis tendo en conta que non se dispón de PXOM e que o PEPCHA está en trámite

O PP de Monforte lamenta que o alcalde non aceptara as bonificacións para as vivendas propostas cando se aprobaron as ordenanzas fiscais

Julia Rodríguez asegura que a súa proposta buscaba estimular a recuperación e rehabilitación das vivendas, non só no casco histórico, senón de moitas vivendas que ameazan con perderse no caso de que non se actúe de xeito inmediato sobre elas

O Grupo Municipal do PP de Monforte lamenta que o alcalde non aceptara a emenda que presentaron ás ordenanzas fiscais municipais sobre bonificacións para as vivendas no Pleno extraordinario do mes de outubro, máis tendo en conta que non se dispón de PXOM e que o Plan de Protección Especial do Casco Histórico (PEPCHA) está en trámite.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, considera que o Goberno local tiña que ter aceptado a proposta do PP na que xa se recollían bonificacións para as vivendas obxecto de rehabilitación, entre outras. Deste xeito, engade, “poderíase estimular a recuperación e rehabilitación das vivendas, non só no casco histórico, senón de moitas vivendas que ameazan con perderse como non se actúe de xeito inmediato sobre elas”.

A popular valora a importancia de dispor destas bonificacións de estímulo á rehabilitación de vivendas, máxime ante as dificultades de non dispoñer de PXOM e mentres se tramite o PEPCHA. “Ten que actuar canto antes establecendo bonificacións, como xa temos solicitado, pero o alcalde non ten nin tivo vontade algunha de utilizar as exencións nin as bonificacións fiscais que pode aplicar para estimular actuacións nas vivendas e noutros ámbitos económicos”, incide Rodríguez.

Unha acusada falta de traballo

A popular lamenta que unha vez máis “a acusada falta de traballo do rexedor, como acontece con moitos outros temas, como relación de postos de traballo ou a ordenanza sobre o mercadillo do Parque dos Condes, ambos paralizados, impidan dispor de melloras como as que suporían estas bonificacións para todos os veciños e veciñas.

Bonificacións propostas polo PP

Naquel momento os populares propuñan modificar as ordenanzas fiscais para o 2017 en varios puntos. Así, sobre a ordenanza reguladora do IBI, os populares suxeriron a substitución do tipo impositivo do 0,605% do imposto de urbana polo 0,50%. A maiores, pedían unha bonificación do 30% da cota íntegra do imposto a favor dos bens inmobles urbanos ubicados en núcleos rurais e do 50% aos inmobles vinculados a explotacións agrarias, sempre e cando non sexan beneficiarias da bonificación establecida no artigo 73.3 LRHL.

Tamén demandaban unha bonificación de ata o 90% da cota íntegra do imposto, sempre que o soliciten os interesados antes do inicio das obras, naqueles inmobles obxecto dunha actividade construtiva de rehabilitación e mellora que sexa declarada de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico-artísticas ou de fomento do emprego que xustifiquen esta declaración desde o período impositivo seguinte ao inicio das obras e ata o posterior á súa finalización sen que a bonificación poida aplicarse por máis de tres períodos impositivos.

A maiores, o PP demandaba unha bonificación de ata o 50% da cota íntegra do imposto para os bens inmobles nos que se instalen sistemas de aproveitamento térmico ou eléctrico de enerxía solar, que inclúan colectores homologados pola administración e sempre que o soliciten os interesados antes do inicio das obras.

Novas

Redes Sociais