Novas

Martes, 7 de febreiro de 2017

O Grupo Municipal Popular demanda ademais que o Concello incoe os expedientes sancionadores que procedan no caso de que a concesionaria manteña a súa actitude incumpridora respecto das obrigas recollidas no contrato que a vincula

O PP de Monforte pídelle ao Concello que requira a Aqualia ante os seus últimos incumprimentos do contrato, entre eles a non aplicación da potabilización con ozono na nova ETAP

Os populares denuncian que tres anos despois da súa inauguración “vimos de saber que a concesionaria non puxo en marcha a potabilización mediante ozono ata hai 15 días”

Pregúntanse qué control exerceu o Concello neste tempo para non detectar que non se potabilizaba con ozono e cando a concesionaria segue incumprindo sen que o Goberno local faga nada, salvo propor un acordo favorable para a empresa

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que instan ao equipo de Goberno a requirir á concesionaria do servizo de abastecemento de auga e saneamento, Aqualia, para que cumpra o contrato no que corresponde á limpeza de sumidoiros, eliminación de vertidos, reparación de avarías, etc…

Os populares demandan ademais que o Concello incoe os expedientes sancionadores que procedan no caso de que a concesionaria manteña a súa actitude incumpridora respecto das obrigas recollidas no contrato que a vincula, así como que determine os efectos económicos dos incumprimentos da concesionaria nos termos que xa se ten instado e aprobado en plenos anteriores.

Na súa iniciativa o PP solicita ademais que se cuantifiquen os efectos, -entre outros, económicos- de que non se teña posto en funcionamento a potabilización con ozono durante os últimos 3 anos e formular a reclamación que resulte procedente en relación ao incremento do custe que estivo soportando o Concello por un servizo que non se ten prestado. Neste sentido, piden poñer en funcionamento e manter todas as melloras que ofrece a nova ETAP de Ribasaltas dirixidas a prestar un mellor servizo e unha mellor calidade da auga aos usuarios, entre elas, a potabilización con ozono.

Desde o PP pregúntanse qué control exerceu o Concello neste tempo para non detectar que non se potabilizaba con ozono e qué se está a facer desde a Alcaldía cando a concesionaria segue incumprindo o contrato de forma sistemática sen que o Goberno local faga nada, salvo propor un acordo favorable para a empresa.

Os incumprimentos máis gravosos para os veciños

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, explica que os incumprimentos máis gravosos teñen que ver cos artigos 25 e 26 do prego de condicións nos que reza: “Las obras e instalaciones que reciba el concesionario deben adecuarse en cada momento a las exigencias que implique la correcta prestación y gestión del servicio, corriendo a expensas del concesionario cuantos gastos se deriven de dicha adecuación”. E o art. 26.4, cando sinala:”Las obras de mantenimiento y conservación de conducciones e instalaciones, así como las de renovación y/o sustitución de conducciones e instalaciones deterioradas o averiadas serán del cuenta del concesionario”.

A voceira apunta que “non é a primeira vez que o Concello soporta actuacións que corresponden á concesionaria; así aconteceu coa obra do abastecemento na Rúa Corredoira e adxacentes, soportando así cantidades cos recursos de todos os monfortinos, que en realidade deberían ser soportados pola concesionaria. Entre as gravísimas consecuencias deses incumprimentos a popular cita ademais o esgotamento da ETAP de Ribasaltas, a falta de actuación en canto á localización e eliminación de fugas e substitución de conducións deterioradas. A maiores, a potabilizadora, que se inaugurou en febreiro de 2014, pese a contar cunha serie de melloras, non foi posta en marcha durante meses e, tres anos despois, “vimos de saber que a concesionaria non puxo en marcha a potabilización mediante ozono ata hai 15 días cando ofrece importantes vantaxes para a saúde fronte ao cloro”.

Así, explica que o Concello de Monforte ten aprobado un incremento no custe anual do servizo de 180.000 euros correspondentes aos custes da nova potabilizadora. “Estívose pagando por un servizo que non se estaba prestando, por unha calidade de auga que non estivo a disposición dos veciños” lamenta. “É a enésima vez que se producen abusos e incumprimentos por parte da concesionaria sen que o Concello faga nada para controlala, requirila de cumprimento e determinar os efectos económicos dos mesmos”, engade.

Múltiples incumprimentos

Os populares recordan que teñen presentando infinidade de iniciativas, que na maior parte dos casos resultan infrutuosas pese a ser aprobadas, sobre os incumprimentos do contrato por parte da concesionaria, entre eles en materia de localización e eliminación de fugas, en materia de eliminación de vertidos, de limpeza de sumidoiros, de execución das melloras que tiña comprometidas ou de reparación de avarías, entre outros.

Novas

Redes Sociais