Novas

Xoves, 9 de febreiro de 2016

Os populares levarán ao vindeiro pleno “novamente” un rogo para pedir que se arranxe esta situación e recordan que “esta petición xa foi formulada por este grupo no pleno de febreiro de 2016”, polo que lamentan que un ano despois “nada se fixo para solucionalo”

O PP pide que se arranxe “dunha vez” o socavón que hai fronte ao edificio multiusos, que dificulta o acceso pola rampla de entrada e á praza de estacionamento de discapacitados

Julia Rodríguez reclama que “á maior brevidade posible” se adopten as medidas necesarias para corrixir esta situación que afecta a moitos usuarios

Dende o PP aseguran que “o afundimento non pode ser reparado ata que se recollan as augas que verten sobre a rúa”

O Grupo Municipal do PP levará ao vindeiro Pleno un rogo no que solicitarán que o equipo de Goberno arranxe “á maior brevidade posible” o socavón que hai fronte ao edificio multiusos, que dificulta o acceso ao edificio pola rampla de entrada e á praza de estacionamento de discapacitados.

Dende o PP recordan que esta mesma petición xa foi levada á sesión plenaria de febreiro do 2016 e lamentan que “despois de un ano non se fixera nada para solucionalo”.

A voceira dos populares, Julia Rodríguez, precisa que “dende hai algún tempo apréciase no firme da Rolda María Emilia Casas Baamonde, á altura da fachada do edificio multiusos, unha zona onde o terreo está cedido lixeiramente, probablemente como consecuencia da saída de augas pluviais do citado edificio que verten directamente nese punto da calzada”.

Rodríguez apunta que “ao estar colmatada a canle pola que deberían discorrer estas augas, quedan estancadas no punto de saída, estendéndose paralelamente á beirarrúa e provocando non só un lixeiro afundimento do terreo, senón un charco permanente na zona en época de choiva”. Esta situación provoca que o estacionamento reservado para persoas discapacitadas, do que fan uso de modo habitual as asociacións que desenvolven as súas actividades no multiusos, así como a rampla de acceso á beirarrúa, se atopen anegadas por esta circunstancia ao atoparse moi próximas ao tubo de saída das augas pluviais do edificio.

A solución, arranxar a saída de augas pluviais á rúa

Os populares lamentan esta situación, “que xera molestias e dificultades de accesibilidade aos usuarios desa praza”. Ademais, aseguran que “tal afundimento non pode ser reparado en tanto non se recollan as augas que verten sobre a rúa, posto que non se pode reparar o firme sen antes eliminar a causa que provoca o afundimento do vial”.

Por este motivo a voceira popular pídelle ao equipo de Goberno que “á maior brevidade posible se adopten as medidas necesarias para corrixir este problema”. Deste xeito dende o PP piden, concretamente, que se canalicen cara un sumidoiro as augas pluviais do edificio multiusos, “que verten directamente sobre a rúa, provocando o afundimento do seu firme, ao fin de poder reparar o desnivel que alí existe e que afecta a moitos usuarios”.

Novas

Redes Sociais