Novas

Monforte, 11 de febreiro de 2017

Os populares revelan a existencia dun informe de Acaues no que se enumeran unha serie de deficiencias que o Concello está a permitir, entre elas a oxidación da planta, procesos que non se están a implementar, así como a falta de persoal na potabilizadora

O PP de Monforte denuncia a falta de mantemento e da implantación de procesos por parte do Concello na ETAP de Ribasaltas

Julia Rodríguez anuncia que pedirá coñecer o plan de explotación e os custos que está a soportar o Concello

Desde o PP advirten que de novo non se está a obrigar á concesionaria Aqualia a que cumpra coas súas obrigas

O Grupo Municipal Popular de Monforte denuncia a falta de mantemento e da implantación de procesos por parte do Concello na ETAP de Ribasaltas. Así, desde Aguas de las Cuencas de España (Acuaes) téñenlle feito unha serie de advertencias ao Goberno local para corrixir determinadas prácticas que non están a ser as adecuadas.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, lamenta que o alcalde estea a levar a cabo esta nefasta xestión, tendo en conta que se ten feito un importantísimo investimento nunha nova planta de seis millóns de euros. Despois de coñecer o informe emitido por Acues, os populares anuncian que pedirán o plan de explotación e o detalle dos custos que está a soportar o Concello.

Para a voceira do PP, esta situación evidencia, unha vez máis, que o Concello non lle esixe á concesionaria Aqualia que cumpra coas súas obrigas, como sería o plan de actuación e o correcto funcionamento da potabilizadora. “Seguen instalados na mesma actitude pasiva propoñendo un acordo que era beneficioso para a empresa e deixando que a instalacións se deteriore sen sacarlle todo o rendemento que ofrece”, sinala.

Incidencias na ETAP

En concreto, en outubro de 2016 nunha reunión á que asistiu o rexedor monfortino, desde Acuaes comunicóuselle ao Concello que, tras realizar visitas de inspección ás instalacións para comprobar o seu estado, o seu mantemento e operación, detectáronse varias incidencias na ETAP de Ribasaltas que evidenciaban un mantemento inadecuado dos equipos e unha operación indebida dos procesos de tratamento.

Estas deficiencias na xestión da ETAP, tal e como precisou Acaues, repercuten negativamente na explotación de instalación, acurtan a súa vida útil e impiden que a auga tratada alcance a calidade que a planta podería proporcionar de estarse a utilizar de xeito correcto todos os procesos dispoñibles. As incidencias que se detectaron foron enviadas ao Concello a través dun informe no que se diferenciaban tres grupos de problemas atendendo á súa natureza: degradación dos aceiros inoxidables, procesos de tratamento inhabilitados e defectos en varios equipos da ETAP.

A primeira das deficiencias ten que ver coa oxidación de boa parte dos aceiros inoxidables da planta. Desde Acuaes indicáronlle ao Concello que a reparación deste defecto detectado lle corresponde ao responsable da explotación da ETAP, é dicir, ao Goberno local.

O segundo grupo de deficiencias ten que ver con que varios dos equipos asociados aos procesos principais de tratamento non están a ser utilizados. A remineralización nunca se utilizou e non se usou a ozonización desde había meses, polo que se estaba a subministrar auga de peor calidade do que a planta sería capaz de producir. Acuaes chama a atención sobre o feito de que na visita ás instalacións se pode comprobar que non só falta o tanque de osíxeno, senón que se retirou o gasificador e o resto da instalación, o que non parece indicar que a decisión de deixar de empregar o proceso de ozonización sexa temporal.

O último grupo de deficiencias detectadas por Acues e comunicadas ao Concello ten que ver cunha presenza insuficiente de persoal de explotación que ten como consecuencia que varios equipos levaran tempo avariados, sen ter sido reparados, o que demostra unha falta de medios suficientes para realizar de forma correcta a explotación da instalación.

Novas

Redes Sociais