Novas

Monforte,14 de febreiro de 2017

Os populares non teñen constancia de que todos os problemas que detectou Acuaes foran resoltos nin de que existan requirimentos do Goberno local a Aqualia para que arranxe a parte que lle corresponde

O PP de Monforte esixiralle ao Concello o informe oficial sobre as correccións das deficiencias da ETAP de Ribasaltas

Julia Rodríguez asegura que o alcalde queda desenmascarado ao propor un acordo coa concesionaria en novembro cando sabía que un informe previo denunciaba graves incumprimentos do contrato

O Grupo Municipal Popular de Monforte esixiralle ao Concello o informe oficial sobre as correccións das deficiencias da ETAP de Ribasaltas, logo de que o alcalde diga que xa foron resoltas, sen que se lle dera traslado aos grupos da oposición. “Primeiro agocharon a existencia desas irregularidades e agora din que están resoltas, pero queremos dispor desa información de forma oficial”, apunta a voceira do PP, Julia Rodríguez.

A popular sostén que coas declaracións vertidas nos medios de comunicación polo alcalde “queda desenmascarado” porque en novembro propuxo un acordo coa empresa que someteu ao Pleno cando sabía que existía un informe que denunciada graves incumprimentos do contrato xa no mes de outubro. De feito, tampouco existe constancia de que se lle teñan feito requirimentos a Aqualia pese ás indicacións feitas por Acuaes e hoxe mesmo o rexedor asegura nun medio de comunicación que non vai ser sancionada polos fallos de xestión da potabilizadora.

Julia Rodríguez asegura que o seu Grupo non ten confianza no que poida dicir o rexedor, posto que actuou con ocultación, polo que avanza que “estaremos pendentes para coñecer o resultado dos próximos controis da planta”.

O Grupo Municipal do PP denuncia ademais que se tivera que enterar do contido do informe de Acuaes consultando directamente con eles, “como podería ter feito calquera veciño”, porque o alcalde decidiu de xeito deliberado ocultar esta información da que dispón desde o mes de outubro, xusto antes de propor un acordo coa empresa “que era prexudicial para o Concello e para todos os monfortinos”.

“Nós pedimos ese informe no Concello ata tres veces e non nolo fixeron chegar nin nolo deixaron ver”, critica Rodríguez. Engade ademais que o secretario municipal di non ter constancia da súa existencia, polo que todo indica que o alcalde non fixo o trámite administrativo oportuno. “Se o ten será nun caixón ou na súa casa, pero esa non é a maneira de xestionar un Concello”, resume.

Os populares recordan que Aqualia percibe cada ano 180.000 euros máis do Concello pola posta en servizo pola explotación da nova potabilizadora, polo que se lle debe esixir que cumpra coas súas obrigas e non propor acordos que só eran beneficiosos para a empresa. “O que ten que facer é metela en cintura e obrigala a que cumpra co seu contrato ou explicar os intereses que o moven para facer o contrario”, conclúe.

Novas

Redes Sociais