Novas

Venres, 13 de setembro de 2013

A deputada Julia Rodríguez, acompañada por portavoces e alcaldes do PP, explicou en roda de prensa que rexistraron unha iniciativa con esta solicitude no Parlamento de Galicia

O Grupo Popular demanda á Xunta que os pacientes oncolóxicos da zona sur reciban o seu tratamento médico no Hospital de Monforte

Unha vez que a Xunta o aprobe, os enfermos poderán recibir a quimioterapia no centro hospitalario máis próximo ao seu domicilio

A deputada e portavoz do Grupo Municipal do PP, Julia Rodríguez, acompañada dos alcaldes e portavoces do PP na zona sur de Lugo, anunciou a presentación no Parlamento de Galicia dunha iniciativa na que lle demandan á Xunta que os pacientes de cancro poidan recibir o seu tratamento médico no Hospital de Monforte.

Ata o momento entre 60 e 80 veciños e veciñas da zona sur afectados por diferentes enfermidades oncolóxicas vense obrigados a desprazarse a Lugo para recibir asistencia médica especializada, e máis en particular, os diversos tratamentos de quimioterapia. A situación supón un importante trastorno, que non só afecta ao paciente, senón tamén ás persoas que teñen que acompañalo.

Asistencia no centro máis próximo

Esta situación non volverá repetirse despois de que o Goberno galego faga realidade a petición formulada polo Partido Popular e garanta a posibilidade de que os pacientes oncolóxicos da zona sur de Lugo poidan recibir asistencia á súa enfermidade, concretamente a quimioterapia, sempre que estea clinicamente indicado e sexa posible, no centro máis próximo ao seu domicilio, o Hospital de Monforte.

A deputada do PP considera que se trata dunha demanda "xusta e proporcionada" dos veciños que xa estaba sendo estudada polo Servizo Galego de Saúde para o seu implantación no Hospital de Monforte e tamén no de Burela. Julia Rodríguez destacou que "novamente e nun asunto crucial para todos os monfortinos e veciños da zona sur o presidente da Xunta cumprirá e acalará as bocas dos que vían o noso Hospital pechado desde fai tempo".

Mellora da calidade asistencial

Os populares insisten en que o novo modelo de integración sanitaria da provincia de Lugo está dando bos resultados, tal e como defendeu o PP, de maneira que non só non se suprimen servizos, senón que se aumenta e mellora a calidade asistencial e a atención ao paciente. Neste caso concreto, evitaranse desprazamentos de Monforte e do resto da zona sur a outros puntos da provincia e de Galicia "achegando a axuda ao paciente e ás súas necesidades".

Julia Rodríguez subliña que a implantación da proba de amniocentesis, do servizo de alergoloxía, así como a implantación deste novo servizo de quimioterapia -que vén de solicitarse- "evidencian as posibilidades que ofrece o novo modelo de xestión integrada, así como a alarma inxustificada que crearon aqueles que ameazaban co peche e desmantelamento do Hospital".

Novas

Redes Sociais