Novas

Monforte, 22 de febreiro de 2017

Os populares solicitan que para a súa confección se lle dea participación á asociación AMARCAN e a calquera outra que teña por obxecto a protección animal no ámbito municipal

O PP de Monforte pedirá no Pleno a elaboración dunha ordenanza reguladora da protección e tenencia de animais no Concello

Julia Rodríguez explica que, pese a aprobarse a proposta que levaron a Pleno, a asociación demanda unha normativa municipal coa que o Goberno local non conta

O PP mostrou o seu compromiso de elevar esta iniciativa ao Pleno xa na sesión do 14 de febreiro

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que piden que se elabore unha ordenanza reguladora da protección e tenencia de animais no Concello dando participación á asociación AMARCAN e a calquera outra que teña por obxecto a protección animal no ámbito municipal.

No texto os populares recordan que na pasada sesión do 14 de febreiro a asociación AMARCAN, no marco da normativa que permite a participación cidadá en Pleno, solicitou o apoio da Corporación do Concello de Monforte contra o maltrato de animais domésticos e salvaxes en cautividade.

Pese a que a súa proposta foi apoiada por todos os grupos da Corporación, da exposición da representante da asociación que interviu, resultaba que ademais do apoio sinalado, o que interesaba era que o Concello de Monforte elaborase unha normativa reguladora da protección e tenencia de animais.

Así, o PP faise eco da petición exposta, tal e como comprometeu xa na sesión do 14 de febreiro, e pide a elaboración dunha normativa. A importancia de dispoñer dunha ordenanza municipal de animais, explica Julia Rodríguez, portavoz do Grupo Municipal do PP, “está en regular a tenencia destes, de modo destacado dos especialmente perigosos, ordenar os conflitos que poidan afectar á convivencia cidadá cos animais, reducir os riscos que os animais poden supoñer en sociedade, buscando unha tenencia responsable e unha convivencia social adecuada”.

Trátase tamén de potenciar a protección dos animais e o seu benestar, reducir o abandono, aumentar a sensibilidade e o respecto cara aos animais, e ata dotarnos dun centro de protección animal, que habería de rexerse tamén pola ordenanza municipal.

Así, desde o PP demandan que, para elaborar o documento, se solicite a colaboración da asociación Amarcan, así como calquera outra asociación local de protección animal, polo seu coñecemento e compromiso co respecto polos animais.

Normativa en vigor

En concreto, a normativa comunitaria sobre protección dos animais en cautividade é abundante e reflectiuse en actos como a Resolución do Parlamento Europeo sobre o benestar e o estatuto dos animais de 21.1.1994, a Directiva 95/29/CE, sobre a protección dos animais durante o transporte, ou o Regulamento nº 998/2003 do Parlamento Europeo e do Consello de 26.5.2003, sobre normas zoosanitarias aplicables aos desprazamentos de animais de compañía sen ánimo comercial. Nese sentido, tamén é de destacar a Declaración Universal dos Dereitos dos Animais aprobada pola UNESCO e ratificada polas Nacións Unidas que recolle os dereitos fundamentais dos animais e que recoñece que o respecto aos animais está ligado ao respecto entre as propias persoas.

Novas

Redes Sociais