Novas

Sábado,25 de febreiro de 2018

Os populares rexistraron unha moción para o seu debate na próxima sesión plenaria a través da que piden que se convoque un procedemento aberto de licitación que permita contratar nas mellores condicións posibles

O Grupo Municipal do PP de Monforte pide que se regularice o contrato do subministro da enerxía eléctrica para o alumeado público

Julia Rodríguez considera que o Goberno local está a vulnerar a normativa de contratación, xa que as facturas que se están a aboar exceden o límite establecido na Lei para realizarse mediante o procedemento dun contrato menor, existindo reiterados reparos de Intervención

O Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte pedirá no próximo Pleno que o Goberno local proceda á regularización do contrato de subministro da enerxía eléctricapara o alumeado público e edificios públicos locais a través da convocatoria dun procedemento aberto de licitación “que permita contratar nas mellores condicións posibles”.

A voceira do Grupo Municipal Popular, Julia Rodríguez, explica que o Goberno local “está a vulnerar a normativa de contratación, xa que as facturas que se están a aboar exceden o límite establecido na Lei de Contratos do Sector Público para realizarse mediante o procedemento dun contrato menor”.

A voceira dos populares tamén informa que son reiterados os reparos do Servizo de Intervención en relación ás facturas de Gas Natural Sur e Gas Natural Servicios SDG S.A., que se veñen aboando de forma sistemática, a pesar de que son gastos que non veñen amparados por un contrato administrativo. O gasto derivado do subministro de enerxía eléctrica para o alumeado público está orzamentado para o ano 2017 en 380.000 euros.

Rodríguez explica que “é evidente que a duración deste servizo de subministro de enerxía eléctrica supera o período de catro anos e, polo tanto, pola súa duración e contía, debe estar suxeito a un procedemento aberto de licitación, que polas súas características, é competencia do pleno municipal”.

Así,o PP denuncia que o Goberno local “está vulnerando a normativa de contratación na medida en que as facturas que están sendo aboadas exceden do límite establecido para a contratación menor no texto refundido da Lei de contratos do sector público”.

Un contrato adoptado en condicións competitivas para reducir o gasto

Por outra banda, na iniciativa plenaria os populares tamén denuncian que ao longo dos últimos anos adoptáronse medidas para reducir o consumo eléctrico do alumeado público “pero non a costa da modernización da rede, nin da contratación que permitise mellores condicións pola existencia de distintas compañías operando no mercado, senón a costa do apagado sistemático de farolas en rúas, barrios e parroquias”.

Neste senso, Julia Rodríguez considera que, aínda que recentemente se anunciase a contratación dun plan de mellora da eficiencia enerxética para algunhas rúas, “é necesario seguir actuando na mellora das instalacións” ao igual que, reitera, “na regularización da contratación do subministro en condicións competitivas”.

Novas

Redes Sociais