Novas

Domingo, 26 de febreiro de 2016

Os populares levarán unha moción ao vindeiro Pleno ao considerar que “o ámbito local, pola súa proximidade á vida da cidadanía, é un marco idóneo para a promoción e xestión de recursos e servizos para a conciliación, uns dos grandes retos do século XXI”

O PP solicítalle ao Goberno local que inste á Xunta, en colaboración coa Fegamp, a promover un Pacto pola conciliación e a corresponsabilidade no ámbito da vida laboral, familiar e persoal nos concellos galegos

Explican que se trata “de repartir tarefas e responsabilidade para que tanto homes como mulleres gocen e exerzan os mesmos dereitos e as mesmas responsabilidades”

O Grupo Municipal do PP de Monforte levará unha moción ao vindeiro pleno da Corporación para pedirlle ao Goberno local que inste á Xunta de Galicia, en coordinación e colaboración coa Fegamp, a promover un Pacto pola conciliación e a corresponsabilidade no ámbito da vida laboral, familiar e persoal no concellos galegos. Os populares sinalan que “o ámbito local, pola súa proximidade á vida da cidadanía, é un marco idóneo para a promoción e xestión de recursos e servizos para a conciliación, que é uns dos grandes retos do século XXI”.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, indica que“a vida económica e, en particular, o mundo laboral, é un dos ámbitos fundamentais da promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Na nosa sociedade, a desigual repartición entre os xéneros das responsabilidades familiares e do fogar constitúe un dos principais obstáculos para a participación plena das mulleres no mercado laboral, así como á súa permanencia e promoción dentro do mesmo”.

Rodríguez considera que “a conciliación constitúe unha problemática complexa e conflitiva para unha parte da cidadanía, as mulleres, que viven en primeira persoa este conflito, pero tamén para os homes, as familias, os concellos, as empresas, o mercado laboral e a sociedade en xeral”.

A falta de corresponsabilidade e as dificultades para conciliar vida persoal, familiar e laboral, contribúen a soster a discriminación laboral e salarial das mulleres e constitúen unha das súas principais barreiras para o seu desenvolvemento profesional. No caso da sociedade supoñen unha importante perda de talento que lastra a competitividade empresarial e dificulta o progreso económico.

Os populares indican que é importante coñecer estas consecuencias na vida das persoas, pero tamén para a sociedade no seu conxunto para ser conscientes do alcance do problema e para buscar solucións que vaian á raíz do mesmo. “Non se trata de axudar ás mulleres para que poidan traballar e levar o fogar senón de repartir tarefas e responsabilidade para que tanto homes como mulleres, gocen e exerzan os mesmos dereitos e as mesmas responsabilidades”, apunta.

Traballar “por e para a conciliación”, un reto moi necesario

Deste xeito dende o PP definen a conciliación como a participación equilibrada de mulleres e homes na vida persoal, familiar e no mercado de traballo. “Isto supón compartir o traballo existente, compartir o poder, compartir as responsabilidades públicas e propiciar a presenza de mulleres nos ámbitos de decisión política e económica”, sinalan. E engaden que “non se circunscribe, por tanto, ao ámbito privado e necesita a implicación de todos os axentes sociais: administracións públicas, empresas, sindicatos e tecido asociativo”.

Rodríguez apunta a necesidade de traballar “por e para a conciliación” e indica que isto require “dunha reflexión sobre o mercado laboral, o modelo educativo, de cidade, de urbanismo, de servizos... e incorporar a perspectiva de xénero de forma transversal nas políticas que se desenvolvan”.

Ademais, precisa,“debemos ter en conta e non perder de vista, o labor que os Concellos veñen realizando respecto da consecución de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes”. “Esta experiencia en materia de igualdade, facilita a interacción coa cidadanía, a identificación das necesidades do propio concello respecto a conciliación e, sobre todo, a promoción da participación cidadá”, conclúe.

Novas

Redes Sociais