Novas

Monforte,4 de marzo de 2017

Os populares consideran está contía desproporcionada e cren que contrasta coa situación pola que están a protestar as traballadoras da axuda a domicilio

O PP de Monforte denuncia o pagamento por parte do Concello dunha factura de 1.258 euros por abrir 45 horas a Torre da Homenaxe

Julia Rodríguez precisa que no mes de xaneiro o monumento só abriu os sábados, domingos e festivos, polo que a hora se pagou a 28 euros

O Grupo Municipal do PP de Monfortedenuncia o pagamento por parte do Goberno local dunha factura con data de xaneiro á empresa encargada de abrir a Torre da Homenaxe de 1.258 euros por 45 horas de servizo. En concreto, o Concello fixo un pagamento de 1.258 euros por abrir o monumento entre os días 2 e 29 de xaneiro, soamente os sábados, domingos e festivos.

Tal e como figura na factura, da que se deu conta nunha das últimas Xuntas de Goberno do Concello, o servizo foi de 9 días no que a Torre permaneceu aberta cinco horas diarias; de 11:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas. Así, explican os populares, o prezo da hora que se paga desde o Concello á empresa ascendeu a 28 euros.

O Grupo Municipal do PP alerta desta situación ao considerar o pagamento “excesivo”, máis tendo en conta as denuncias que recentemente teñen feito as 52 empregadas da axuda no fogar nas que reclaman que as bases do servizo aprobadas polo equipo de Goberno non se axustan á realidade, polo que temen que isto poida repercutir á baixa nos seus salarios.

Desde o PP denuncia a existencia do pagamento desta factura, xusto no momento no que hai outras traballadoras que se encargan de atender a maiores e dependentes nas súas casas que se queixan de que a proposta municipal sae a baixo prezo, mentres o Goberno local autoriza facturas “dunha cantidade desproporcionada”.

Desde o Grupo Municipal do PP afirman que, postos a pagar por este servizo unha contía tan elevada, sería conveniente analizar tamén desde o Goberno local a necesidade de incrementar o horario e os días de apertura do monumento que é un dos símbolos da cidade e un dos principais reclamos turísticos de Monforte.

Preguntas no próximo Pleno

Os populares anuncian que no próximo pleno preguntarán qué medidas vai adoptar o Goberno local para garantir o cumprimento do correspondente convenio laboral do persoal do Servizo de Axuda a Domicilio e para mellorar as súas condicións de traballo.Tamén se interesarán polo que pensa facer o alcalde para garantir que se abra adecuadamente a Torre da Homenaxe e os motivos polos que se durante algún tempo se abriu con recursos propios do Concello e agora non se fai así.

Novas

Redes Sociais