Novas

Monforte, 9 de marzo de 2017

Os populares presentarán unha moción ao próximo Pleno na que instan ao equipo de Goberno a convocar un concurso para ordenar as frontes e fachadas e os espazos públicos dun dos lugares máis emblemáticos da cidade

O PP de Monforte propón a convocatoria dun concurso de ideas para ordenar o entorno da Praza da Compañía

JuliaRodríguez agradece a proposta que teñen trasladado os veciños e veciñas, polo que considera que esta iniciativa podería darlle maior visibilidade ao lugar ademais de promocionar un elemento arquitectonicamente moi destacado na cidade do Cabe

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentará unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que instan ao equipo de Goberno a convocar un concurso de ideas para ordenar as frontes e fachadas e os espazos públicos da Praza da Compañía.

Os populares explican que, como ben é sabido, se está a tramitar a redacción do Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico Artístico. Neste contexto, engaden, recentemente un grupo de veciños e veciñas do entorno da Praza da Compañía, constituídos en asociación, teñen trasladado ao equipo redactor e ao Señor alcalde, así como ás portavoces do resto dos grupos da Corporación, unha proposta para a mellora do entorno da Praza da Compañía.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, explica que “a importancia patrimonial e urbanística do entorno do Colexio de Nosa Señora da Antiga é indiscutible”, polo que desde o Grupo Municipal Popular nos facemos eco do interese amosado polos veciños e queremos recoñecer o traballo efectuado, así como o valor e interese da proposta que nos teñen trasladado.

Contar coas propostas dos veciños

“Tendo presente coma eles que esta parte da cidade, polo seu carácter monumental precisa dun tratamento diferenciado, dentro do PEPCHA, e sen desmerecer a proposta dos veciños, consideramos que o mais axeitado sería convocar un Concurso de Ideas para ordenar as fachadas que dan fronte a esta praza tan destacada da nosa cidade na que se teñan en conta as propostas trasladadas por eles”, apunta a voceira do PP.

Julia Rodríguez entende que esta iniciativa, perfectamente compatible coa tramitación do PEPCHA, non so permitiría acadar unha proposta de gran calidade técnica dende o punto de vista arquitectónico e urbanístico, senón que a concorrencia de profesionais cualificados e o interese mediático que suscitan este tipo de convocatorias, daría maior visibilidade ao lugar ademais de promocionar un elemento arquitectonicamente moi destacado da nosa cidade.

Os populares indican ademais que na recente reunión mantida co equipo redactor do PEPCHA se deu conta dun grado de protección tamén dos espazos públicos de interese dentro do conxunto histórico e a Praza da Compañía é un deses elementos destacados, dignos dunha especial atención.

Novas

Redes Sociais