Novas

Santiago, 10 de marzo de 2017

A deputada do Grupo Popular presentou unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia

JULIA RODRÍGUEZ SOLICITA Á XUNTA O IMPULSO DA PROMOCIÓN DO PORTO SECO DE MONFORTE E A SÚA CONVERSIÓN NUN CENTRO PREFERENTE DO MOVEMENTO DE MERCADORÍAS

Salienta “o gran esforzo que a Xunta está a realizar para incentivar a configuración do Porto Seco como un polo de xeración de riqueza e emprego no sur da provincia de Lugo”

A deputada do Grupo Popular Julia Rodríguez Barreira vén de rexistrar unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia a través da que solicita que a Xunta de Galicia impulse iniciativas que permitan a promoción do Porto Seco de Monforte e a súa conversión nun centro preferente do movemento de mercadorías por ferrocarril e plataforma loxística, dentro do Plan de Optimización Loxística de Galicia.

Julia Rodríguez salienta na iniciativa “o gran esforzo que a Xunta está a realizar para incentivar a configuración do Porto Seco de Monforte como un polo de xeración de riqueza e emprego no sur da provincia de Lugo, incentivando a instalación de empresas e dotándoo das conexións necesarias”.

CREACIÓN DE RIQUEZA

Deste xeito, e co obxectivo de promover a creación de riqueza en Monforte, a Xunta leva realizado un investimento próximo aos 20 millóns de euros no desenvolvemento desta plataforma loxística e na execución da súa conexión coa estrada LU-933, que se puxo en funcionamento o pasado ano. Neste momento está en proceso de redacción o proxecto construtivo para prolongar esta conexión ata a N-120, garantindo unha correcta accesibilidade para esta plataforma loxística.

“Todas estas actuacións deben ser aproveitadas para converter o Porto Seco de Monforte nun centro preferente do movemento de mercadorías por ferrocarril, aproveitando ademais o recollido na Axenda de Competitividade Industria 4.0 da Xunta para impulsalo como un factor territorial de competitividade”, sinalou Julia Rodríguez.

O Porto Seco de Monforte está proxectado para potenciar o transporte de mercadorías por tren aproveitando a súa localización na confluencia de eixos de transporte de Galicia, estando situado ademais dentro da rede básica de TENT-T europea de transporte ferroviario de mercadorías. Na actualidade, dispón dunha terminal de carga para trens de ate 750 metros e xa está finalizada a súa primeira fase de 146.000 metros cadrados de superficie.

Novas

Redes Sociais