Novas

Monforte, 15 de marzo de 2017

Os populares solicitarán no Pleno que o Goberno local se dirixa á Xunta para acadar esta declaración, tal e como vén contemplado na Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia, co obxecto de “dar un paso máis na liña de acadar melloras para os agricultores e potenciar o cultivo en Monforte” onde as parcelas reúnen condicións propicias para o desenvolvemento deste sector

O Grupo Municipal do PP de Monforte pedirá declarar zona de actuación intensiva o regadío Val de Lemos

Piden tamén a constitución dun grupo de traballo composto por axentes relacionados coa produción agroforestallocal para establecer as liñas de ordenación do solo rústico e mesmo de cultivos e que sexan tidas en conta na elaboración do novo PXOM

O Grupo Municipal do PP de Monforte pedirá no próximo pleno a través dunha moción que o Goberno local se dirixa á Xunta de Galicia co obxecto de solicitar a declaración da superficie do Concello afectada polo Regadío do Val de Lemos, como Zona de Actuación Intensiva, segundo vén contemplado na Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia.

Os populares consideran que o rural necesita dunha reestruturación importante para incentivar a produción agraria, garantir a rendibilidade da agricultura e, polo tanto, evitar o despoboamento das parroquias.Neste obxectivo, segundo explican dende o Grupo Popular, “deben involucrarse todas as administracións, incluída a local. Debemos dar pasos tamén dende o Concello dirixidos a contribuír á consecución dunha solución aos problemas que sofren o rural e os nosos sectores primarios”. E máis, segundo os populares, “a implicación dende Monforte debe ser clara tendo en conta o forte potencial que reúne a nosa localidade á hora de ofrecer terreos que ofrecen unhas características óptimas para o cultivo agrícola”

Grupo de traballo local

“É necesaria a implicación de todas as administracións para coidar debidamente a paisaxe rural, os recursos ambientais e as tradicións, xa que a dificultade da rendibilidade agraria unida á falta de servizos provoca o despoboamento de zonas rurais e, consecuentemente, prodúcese unha perda do patrimonio rural, unha maior debilidade económica xunto a que o incremento da vexetación espontánea incrementa o risco de incendios forestais”, analizan.

Co obxecto de implicar o Concello nesta finalidade de potenciar o rural, “xa que todos debemos dar un paso nesta liña”, os populares na súa iniciativa, ademais de solicitar que o Goberno local se dirixa á Xunta de Galicia para acadara declaración da superficie do concello afectada polo Regadío do Val de Lemos, como Zona de Actuación Intensiva, tamén piden a constitución dun grupo de traballo local composto por representantes dos diferentes axentes relacionados coa produción agroforestal no ámbito xeográfico do municipio“para establecer as liñas e/ou criterios de ordenación do solo rústico e mesmo de cultivos para que sexan tidas en conta na elaboración do novo PXOM”.

Monforte, potencial en terreos para a produción agrícola

Os populares informan de que Monforte dispón de máis de 18.000 hectáreas de solo rústico repartido entre 9.787 titulares catastrais. 0 60% da superficie do Concello ten uso forestal e sóo 31,40% se dedica a cultivos e prados, é dicir, “é SAU”, precisan. Do total da superficie destinada a cultivos e prados (SAU)están aproveitadas 1.213 hectáreas, é dicir, soamente o 20% do total, destinadas nun 90% á produción de cultivos herbáceos e o 10% restante á produción frutícola e vitícola.

Neste eido, dende o Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte explican que o Concello ademais de dispoñer dunha SAU “de magníficas características para a produción agrícola con terreos aluviais e profundos, tamén conta cunha infraestrutura de regadío cualificada de Alto Interese Nacional que ocupa 1.840 hectáreas”

Os populares explican que o escaso aproveitamento desta obra, “unido ao proceso de desagrarización, como lle chaman algúns estudosos, orixina un número moi elevado de propietarios absentistas e un gran número de terras abandonadas”. Esta situación de abandono, segundo precisan dende o PP, orixina cambios na cuberta vexetal do terreo con características negativas dende o punto de vista ambiental, económico, social e mesmo cultural”.

Novas

Redes Sociais