Novas

Sábado, 25 de marzo de 2017

Os populares piden que o Goberno local cumpra e faga cumprir as ordenanzas vixentes en relación á limpeza de solares e sobre protección medioambiental

O Grupo Municipal do PP de Monforte propón diferentes actuacións no entorno do recinto amurallado

Julia Rodríguez denuncia que o Goberno local dixo que xa se levara a cabo a limpeza dos grafittis do depósito de San Vicente, que lle corresponde a Aqualia, algo que é “rotundamente falso”

O Grupo Municipal do PP de Monfortepresentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que insta ao Concello a que, actuando de oficio, cumpra a súa función de policía e faga cumprir as ordenanzas municipais vixentes sobre protección medioambiental, en relación á limpeza de solares en xeral, e de modo especial, os que se atopan no recinto amurallado, actuando de modo inmediato, respecto daqueles casos en que a maleza está producindo danos nos solares colindantes.

O PP demanda ademais que proceda de inmediato á limpeza dos solares municipais, e de modo especial, os que se atopan no entorno do recinto amurallado, requirindo a tal efecto á concesionaria da limpeza viaria, FCC, para que proceda ao desbroce dos solares municipais e a eliminación de herbas e saneamento de especies vexetais invasoras na muralla.

Na súa iniciativa os populares piden, en terceiro lugar, que proceda a eliminar as pintadas e os graffitis existentes no depósito de San Vicente, requirindo á empresa concesionaria Aqualia e que acondicione o entorno do depósito de San Vicente, para facer un miradoiro como así ten comprometido no seu contrato.

As queixas dos veciños multiplícanse

Os populares recordan que teñen presentado iniciativas nos anos pasados nas que puñan de manifesto a existencia de numerosos solares no caso urbano que se atopaban en situación insalubre e risco de incendio por falta de limpeza, o que ten motivado numerosas queixas dos veciños. “Agora as queixas aumentan, asegura a voceira do PP, Julia Rodríguez tanto na zona urbana como nas parroquias. “Neste caso son especialmente graves, precisa, porque se refiren o estado dos solares que se atopan dentro do recinto amurallado, o que provoca danos en solares próximos sen que o Concello faga nada, pese a que os propietarios teñen presentado solicitudes de actuación hai máis dun ano.

A voceira do PP advirte da necesidade de que o entorno da muralla ofreza unhas axeitadas condicións de limpeza, “non só por unha cuestión estética que permita poñer en valor o monumento, senón por unha cuestión de seguridade para a propia muralla e as vivendas que están nas súas inmediacións. O risco, pola antigüidade desas vivendas, de que en época estival se produzan incendios por mor da maleza alí existente, é enorme, e obriga a adoptar as medidas necesarias, por unha cuestión de ornato, pero sobre todo por unha cuestión de salubridade e seguridade para os veciños que teñen alí as súas propiedades, así como polo interese monumental dese entorno”, engade.

O Goberno local incumpre as ordenanzas

Así, desde o PP denuncian que oGoberno local non só non está facendo nada para darlle cumprimento ás ordenanzas reguladora de limpeza de terreos e xeral de protección medioambiental, senón que mesmo mantén os terreos municipais cheos de maleza co risco que isto representa. Lamentan ademais que cando se propón que o equipo de Goberno obrigue á empresa concesionaria a facelo, como ten establecido no seu contrato, vote en contra.

Grafittis en San Vicente

A Ordenanza xeral de protección medioambiental prohibe a realización de toda clase de pintadas na vía pública; tanto sobre os seus elementos estruturais (beirarrúas, calzadas, mobiliario urbano) como sobre os muros ou fachadas dos edificios; a excepción, das pintadas ou murais artísticos que se realicen sobre valados dos soares, medianeiras, etc, que sexan autorizadas polo Concello.

Sobre a parede sur do depósito de San Vicente, existen múltiples pintadas, así como un graffiti azul e branco coa lectura “rainsoul” que non ten encaixe algún no entorno e ofrece unha referencia visual dende a N-120 que distorsiona o conxunto monumental de San Vicente e devalúa o recinto amurallado, polo que, sería necesario, eliminar esa pintura e esixirlle á empresa concesionaria Aqualia, que acondicione o entorno do depósito de San Vicente, para facer un miradoiro, como ten comprometido no seu contrato.

Pese a que na última sesión da Comisión de Seguimento de Acordos Plenarios o equipo de Goberno informou de que xa se levara a cabo a limpeza dos grafittis do depósito de San Vicente este grupo puido comprobar que iso é rotundamente falso.

O PP demanda que se lle dea cumprimento ao contrato, polo que Aqualia terá que realizar o desbroce e adecentamento xeral do entorno dos depósitos de San Vicente, construíndo un miradoiro, pintando o exterior dos depósitos, colocando mesas e bancos de madeira na súa parte dianteira, colocando un miradoiro en madeira, e adecentandoos accesos a esta zona, iluminándoa acorde ao entorno que a rodea.

Novas

Redes Sociais