Novas

Luns, 27 de marzo de 2016

Os populares revelan que o Goberno local ten que facer un plan económico financeiro que obriga a unha contención do gasto de 810.000 euros para o ano 2017 e eleva a súa aprobación ao Pleno sen facer “unha soa proposta para conter ese gasto”

O PP de Monforte critica que “en só ano e medio”o alcalde incumprira o límite da regra de gasto nun importe de máis dun millón de euros

Julia Rodríguez asegura que esta situación revela unha nefasta xestión do alcalde e do seu equipo de Goberno

O Grupo Municipal do PP de Monforte critica que “en só ano e medio” o alcalde incumprira o límite da regra de gasto nun importe de 1.018.721 euros, o que obriga ao Goberno local a elaborar un plan económico financeiro que lle permita recuperar a situación de equilibrio. Os populares coñeceron estes datos a través do informe de fiscalización e propostas de plan económico financeiro que o alcalde someterá ao pleno desta tarde.

As causas do desequilibrio que recolle o informe son diversas, explica a o voceira do PP, Julia Rodríguez, “pero a distorsión atópase en ter realizado gastos por enriba dos créditos orzamentados nunha contía superior á existente no anterior exercicio”.

Para poder corrixir esta situación o Goberno local estaría obrigado a conter o gasto no ano 2017 nunha contía de 810.000 euros. A situación vese agravada, engade a voceira do PP, porque o Goberno local non leva ao Pleno ningunha medida, senón que simplemente confían na expectativa de inexecución do Orzamento do ano 2017, a pesar de que en 2016 tiñan unha previsión de inexecución de un millón de euros e aínda se pasaron no gasto nun millón de euros máis, o que provoca que incumpran a regra de gasto.

“Non explican as medidas que prevén aplicar para conseguir a redución deses 810.000 euros, nin cómo van conter o gasto, polo que non se sabe realmente o que se somete a aprobación, o que fai que o PP non poida apoiar esta proposta do alcalde”, precisa a voceira. “E por se isto fora pouco, conta cun mes para presentalo e outros dous para aprobado e hoxe quere intentar metelo pola porta de trás sen presentar nin unha soa medida para resolver esta situación”.

Situación límite

Julia Rodríguez lamenta que en tan pouco tempo o alcalde provocara este desequilibrio e non fora quen de contelo, tendo en conta ademais que o informe advirte que se para o ano 2018 non recupera o equilibrio, porque non se cumpren as previsións de ingresos ou se gasta máis do previsto, habería que tomar medidas para incrementar os ingresos, o que podería supor unha maior carga fiscal para todos os monfortinos.

Ademais de lamentar esta situación, froito dunha nefasta xestión por parte do alcalde e do equipo de Goberno, os populares queren saber qué ten previsto facer o Concello para recuperar o equilibrio e evitar ter que tomar medidas máis drásticas de cara ao futuro, aspecto que non aclara a proposta que someten ao pleno de hoxe.

Retraso na entrega do informe

Desde o PP critican ademais que, pese a que a data do informe de Intervención no que se pon de manifesto o incumprimento é do 28 de febreiro, non se lle deu traslado á oposición ata agora, cando a data máxima para presentar o plan é o 28 de marzo.

Novas

Redes Sociais