Novas

Mércores, 29 de marzo de 2016

O PP de Monforte acusa ao alcalde de “torpedear” todas as propostas que presentan ao Pleno. O equipo de Goberno votou en contra das catro iniciativas do Grupo Municipal Popular, en dúas ocasións co voto de calidade do rexedor

Julia Rodríguez advirte que o único que desprende “tufillo” é a xestión do alcalde á fronte do Goberno municipal

Lamenta que o Señor Tomé, profesor da Escola Agraria, votara en contra da declaración de zona de actuación intensiva para o Regadío Vale de Lemos e da ordenación e desenvolvemento do sector agrario de Monforte

Tamén rexeitou o concurso de ideas para ordenar a Praza da Compañía, as medidas para mellorar o entorno do recinto amurallado e a solución proposta para os empresarios do polígono do Reboredo

O Grupo Municipal do PP de Monforte acusa ao alcalde de “torpedear” todas as propostas que presente ao Pleno e coas que pretenden, de xeito construtivo, melloras para a cidade que redunden en beneficio de todos os veciños e veciñas.

Desde o PP recoméndanlle ao voceiro do PSOE que, se advirte algún “tufillo” mire ao seu redor, posto que o que non se entende é que voten en contra de todas as propostas que presentan o PP, cando sempre responden a necesidades que traslada a veciñanza. “Exercer como equipo de Goberno en contra de todo o que propón o PP é poñerse en contra dos veciños e veciñas da cidade. O único que desprende tufilloé a xestión do alcalde á fronte do Goberno local, como así se viu co límite da regra de gasto que incumpre en máis dun millón de euros”.

Torpedeo ás propostas do PP

En concreto, na pasada sesión plenaria o alcalde votou en contra da proposta que os populares presentaron para intentar solucionar os problemas dos empresarios donos de parcelas no polígono do Reboredo. O rexedor votou man do seu voto de calidade para oporse a que se declare zona de actuación intensiva o regadío Val de Lemos, o mesmo que fixo para impedir que se leven a cabo actuacións no recinto amurallado, como así veñen demandando os veciños e que teñen que ver con darlle cumprimento ás ordenanzas municipais e aos contratos de empresas como FCC e Aqualia.

Por se isto fora pouco, o equipo de Goberno tamén votou en contra da convocatoria dun concurso de ideas para ordenar o entorno da Praza da Compañía, unha iniciativa do PP que logrou sacar adiante grazas ao apoio do BNG e de Esperta Monforte.

“Lamentar de xeito especial que o alcalde, profesor da Escola Agraria, votara en contra da declaración de zona de actuación intensiva para o regadío Val de Lemos e da ordenación e desenvolvemento do sector agrario de Monforte”, precisa a voceira.

Julia Rodríguez, considera “lamentable” ademais que aportando unha idea que “en absoluto é incompatible co Plan Especial, como a do concurso de ideas para ordenar a Praza da Compañía, desde o equipo de Goberno se atrevan a insinuar que o Plan poida acabar como o Plan Xeral de Ordenación Municipal, un documento que non recibiu o consenso da veciñanza.

Novas

Redes Sociais