Novas

Monforte, 4 de abril de 2017

A popular lamenta a negativa do alcalde a convidar á oposición á reunión cos empresarios e ter “a cara dura” de facerlles a proposta do PP á que votou en contra no Pleno.

Julia Rodríguez asegura que os monfortinos “non se poden fiar do alcalde”, ao que acusa de apropiarse das propostas do PP

A carencia de ideas é tan notoria que no pasado Pleno o rexedor asegurou que o seu modelo de cidade “estaba no PXOM, que é o mesmo que dicir que as propostas que ten para mellorar a cidade se atopan nun caixón do Concello”

A voceira do Grupo Municipal do PP, Julia Rodríguez, asegura que os monfortinos “non se poden fiar do alcalde”, ao que acusa de apropiarse das propostas do PP, pese a ter “a cara dura de botar en contra cando son trasladadas ao Pleno”.

A popular fai estas declaracións despois de saber que unha das propostas que o rexedor lle trasladou onte aos empresarios do polígono do Reboredo é a de prorrogar o prazo de cumprimento da totalidade das obrigas contraídas polas empresas adxudicatarias interesadas en manter as parcelas e que non puideron executar a súa actividade por mor da crise.

“É unha proposta que o PP fixo no Pleno, á que votou en contra e da que agora se apropia. O mesmo que pasou coa iniciativa sobre o arranxo do entorno da muralla, que tamén rexeitou e que días máis tarde quixo presentar como se fora súa. É un líante e debera poñerse a traballar para propor solucións e non solo enredos”, engade a voceira.

Nin se ruboriza

Desde o PP recoñecen “estar cansos” dun alcalde “sen ideas, sen iniciativa e que só enreda sen ofrecer ningunha solución que non fora proposta antes pola oposición, como agora pasa cos empresarios”. Tanto é así que xa non é a primeira vez que propón que a Corporación vote asuntos ilegais, como pasou con Aqualia ou coas parcelas do Reboredo e despois aprópiase das ideas dos demais sen ruborizarse nin un pouco”.

A carencia de ideas é tan notoria, apunta Rodríguez, que no pasado Pleno asegurou que o seu modelo de cidade “estaba no PXOM, que é o mesmo que dicir que as propostas que ten para mellorar a cidade se atopan nun caixón do Concello, á espera de que veña alguén que queira de verdade facer cousas por Monforte”.

A popular lamenta que o alcalde non os convidara á reunión de onte para coñecer a solución que lle vai propor aos empresarios e, máis, se precisa do apoio da Corporación para sacala adiante. “Non sabemos tampouco se a proposta é a que relatou pola mañá nos medios de comunicación ou a que lles contou a eles pola tarde, porque vai variando en función da hora do día. Ese é o alcalde que temos, un irresponsable do que os veciños e veciñas xa non se poden fiar”.

“Un incompetente sen ideas e mal intencionado que se apropia das ideas dos demais, mesmo para destrozalas, como no caso do baixo do Hotel Comercio e que por enriba acusa os demais dos seus enredos”, conclúe.

Novas

Redes Sociais