Novas

Venres, 21 de abril de 2017

A portavoz do Grupo Municipal Popular recorda que o alcalde votou en contra de ideas que agora se prevén incorporar ao plan, como o aumento do número de aparcamentos na cidade, a limpeza da muralla e do conxunto histórico ou o establecemento duns criterios obxectivos de pavimentación nas rúas, entre outras

Julia Rodríguez cre que as suxestións dos redactores ao PEPCHA avalan o acerto das iniciativas do PP, pese aos reiterados votos en conta do Goberno local

O Grupo Municipal do PP asegura que o rexedor socialista boicotea o traballo da oposición sen importarlle que as propostas sexan razoables e necesarias para a mellora da cidade e da calidade de vida dos veciños e veciñas

A portavoz do Grupo Municipal do PP de Monforte, Julia Rodríguez, considera que as suxestións dos redactores do plan especial de protección de conxunto histórico-artístico de Monforte avalan o acerto das iniciativas que o PP rexistra para o seu debate en Pleno, pese aos reiterados votos en contra do Goberno local, moitas delas rexeitadas polo voto de calidade do alcalde, o socialista Tomé Roca.

Así, os populares critican que moitas desas achegas que agora se están facendo ao PEPCHA por parte do equipo redactor “son cuestións que o PP propuxo en numerosas mocións ás que o alcalde votou en contra”. Entre elas, o incremento dos aparcamentos na cidade ou articular fórmulas que faciliten a accesibilidade exterior.

Tamén se propoñen actuacións relativas á limpeza da muralla e do conxunto histórico, unha demanda feita polo PP en reiteradas ocasións. Os redactores suxiren neste sentido, que se poña á vista a través dunha intervención que non ten por qué supor grandes investimentos de eliminación da súa maleza, como actuación inicial. O mesmo, explica Rodríguez, que o Grupo Municipal do PP ten levado ao Pleno sen contar co apoio do equipo de Goberno.

Advírtese ademais da importancia de poñer en valor o patrimonio de Monforte, que o PP ten defendido con iniciativas relacionadas co Conde de Lemos ou co IV centenario da publicación de El Quijote de Cervantes, entre outras. “Temos que ser consciente do que temos e saber sacarlle partido, iniciativas que o PP ten trasladado e que nunca atopan o apoio nin deste nin do anterior equipo de Goberno”, lamentan.

Entre esas propostas nas que o PP e o equipo redactor coincide está tamén a importancia de establecer uns criterios para unificar os pavimentos das rúas para ter unha imaxe de cidade adecuada e non que cada rúa presente unha imaxe, como ten acontecido en Monforte, iniciativa proposta tamén polos populares.

O alcalde só busca boicotear o traballo do PP

Julia Rodríguez traslada a súa sorpresa porque agora esas achegas se vaian incorporar ao PEPCHA cando o alcalde votou en contra ao ser propostas polos populares, o que demostra que “só pretende boicotear o traballo do PP sen importarlle que se tratara de propostas razoables e necesarias para mellorar a cidade e a calidade de vida de todos os veciños e veciñas”.

Desde o PP lamentan que o alcalde non só non teña idea do modelo de cidade que Monforte necesita, senón que sexa capaz de afirmar que ese modelo está gardado co PXOM nun caixón. Pídenlle que reflexione sobre o que está a pasar co PEPCHA e empece a valorar as propostas que se lle fan en beneficio da cidade.

Novas

Redes Sociais