Novas

Martes, 17 de setembro de 2013

O Grupo Municipal Popular considera que o Concello puido acometer estas accións antes do verán

O PP pide "coordinación e cooperación" ao Goberno local en relación cos cortes de auga que comezan hoxe en Monforte

Julia Rodríguez solicita que "de ser necesario" se habiliten medidas extraordinarias para que os veciños sufran "o menos posible" as consecuencias da intervención

O Grupo Municipal do PP de Monforte pídelle ao Concello que leve a cabo un traballo "coordinado" e que "coopere" cos veciños en relación cos cortes de auga que o Goberno local ten previsto acometer desde este martes. A portavoz do PP, Julia Rodríguez, solicítalle ao alcalde que, "de ser necesario", habiliten medidas extraordinarias para que os monfortinos sufran "o menos posible" as consecuencias da intervención.

Os populares consideran que é importante manter a toda a poboación informada dos cortes, para que así poidan actuar en previsión dos mesmos, aínda que advirten ademais da posibilidade de ter que asumir outras medidas, como pode ser, por exemplo, a colocación de cisternas de auga nas rúas afectadas para os veciños e comerciantes que poidan necesitala, de xeito especial o martes 24 no que o corte do subministro se producirá durante o día.

Desde o Grupo Municipal Popular respectan o traballo dos técnicos e operarios encargados de acometer esta actuación programada polo Concello, á vez que lle esixen ao Goberno local que se realice "con todas as garantías posibles" de cara a causar "o mínimo número de incidentes" para todos os cidadáns de Monforte que poidan verse afectados.

Falta de previsión do Concello

Julia Rodríguez cre que esta actuación pon á vista "a falta de previsión" do Concello, xa que condena aos monfortinos a sufrir as incidencias que supón a falta de auga "antes e despois do verán", cando puido acometer estas obras con anterioridade ao período estival. Tamén considera que, de ser posible tecnicamente, os cortes deberían terse producido no horario menos gravoso para os cidadáns e non durante o día e tantas horas seguidas.

Novas

Redes Sociais