Novas

Sábado, 22 de abril de 2016

Entre os cambios que propoñen os populares, a substitución do tipo impositivo do 0’605% do IBI de urbana polo 0’50%

O PP de Monforte pídelle ao Concello unha redución do tipo impositivo e a inclusión de bonificacións na ordenanza reguladora do IBI

Julia Rodríguez recorda que o seu Grupo Municipal ten proposto varias baixadas do imposto, a última delas rexeitada polo Goberno local cando se revisaron as ordenanzas municipais

O Grupo Municipal do PP de Monforte presenta unha moción para o seu debate no vindeiro Pleno na que demandan unha redución do tipo impositivo e a inclusión de bonificacións na ordenanza reguladora do Imposto de Bens Inmobles (IBI).

O PP fai esta proposta á vista da revisión catastral que se vai acometer en Monforte e atendendo aos incrementos de valor catastral que xa se teñen producido, así como aos que se van a producir. En concreto, o Grupo Municipal do PP pide unha modificaciónda ordenanza reguladora do IBI nos seguintes termos:

1º.- Substitución do tipo impositivo do 0’605% do IBI de urbana polo 0’50%.

2º.- Aplicación das bonificacións potestativas, reguladas no art. 74 da LRHL e mais concretamente:

-bonificación ao amparo do art. 74.1 LRHL do 60% da cota íntegra do imposto a favor dos bens inmobles urbanos ubicados en parroquias; particularmente, núcleos rurais singularizados pola preeminencia de actividades primarias de carácter agrícola, gandeiro ou forestal, atendendo á disposición dun nivel de servizos de competencia municipal inferior ao das zonas consolidadas do Concello, e que será do 85% para os inmobles vinculados a explotacións agrarias, gandeiras ou forestais.

-bonificación do 85 % da cota íntegra do imposto naqueles inmobles que sexan obxecto dunha actividade construtiva de rehabilitación e mellora que sexa declarada de especial interese ou utilidade municipal, pola súa ubicación no conxunto histórico artístico ou no trazado do Camiño de Inverno, ou por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico artísticas ou de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración, ao amparo do art. 74.2 quáter.

Novembro, a data tope para a regularización

Desde o PP recordan que o proceso de regularización catastral que se está acometendo dende o ano 2013 debe levarse a cabo antes do fin de novembro naqueles concellos nos que aínda non se teña efectuado. Entre eses concellos atópase o de Monforte, no que hai tempo que se iniciou un proceso de revisión a instancia do propio Concello, por medio das inspeccións levadas a cabo pola empresa encargada da recadación executiva.

Son moitos os veciñosaos que nestes anos se lle ten notificado un novo valor catastral dos seus inmobles a resultas de ampliacións, modificacións ou renovacións efectuadas. A voceira do PP, Julia Rodríguez, recorda que ao longo destes anos, este Grupo Municipal, ten proposto en reiteradas ocasións a redución do tipo impositivo do IBI, precisamente para compensar eses incrementos no valor catastral que se estaban producindo. A máis recente na última revisión de ordenanzas municipais vía emenda, que foi rexeitada.

Novas

Redes Sociais