Novas

Sábado,13 de maio de 2017

Os populares pretenden con esta proposta que o Pleno recupere todas as competencias que lle sexan propias tal e como establece a lexislación vixente

O PP de Monforte busca o apoio da Corporación para garantir a transparencia e a participación de todos os Grupos Políticos na xestión municipal

Julia Rodríguez explica que, coas modificacións que se propoñen, “eliminaríase a actitude prepotente e carente de consenso do alcalde que vimos padecendo, aumentaríase de forma significativa a participación dos restantes Grupos Políticos, e, xa que logo, dos veciños aos que representan na vida política municipal e permitiríase un mellor control de eficacia e eficiencia na xestión do gasto público

O Grupo Municipal do PP de Monforte presenta unha moción para o seu debate no vindeiro Pleno na que busca o apoio da Corporación para garantir a transparencia e a participación de todos os grupos políticos na xestión municipal. Os populares pretenden con esta proposta que o Pleno recupere todas as competencias que lle sexan propias tal e como establece a lexislación vixente.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, explica que o seu Grupo toma a decisión de someter esta proposta ao Pleno tras ter asistido a “actitudes irracionais do alcalde”, como a relacionada co uso do baixo do antigo Hotel Comercio; a proposta de acordo con concesionarias municipais, claramente prexudiciais para o Concello, como o acordo que propuxo con Aqualia; á realización de obras con cargo os recursos municipais que lle correspondía asumir á citada concesionaria, como a renovación da rede na rúa Corredoira; así comopropostas feitas polo rexedor que eran contrarias á legalidade,como a que propuxo en relación ás parcelas do polígono do Reboredo.

“Asistimos frecuentemente a unha actitude do alcalde como se fose un rei absolutista, de maneira que a pesar de contar con unha mínima representación no conxunto da Corporación, insiste en non dar cumprimento aos acordos plenarios, mesmo os que son competencia do Pleno”, censura.

Decisións en contra dos intereses da cidade

A popular cita como exemplo desa “actitude coactiva cos grupos da oposición” o que vén de acontecer co plan económico e financeiro que o Goberno local ten pendente de aprobación tras ter gastado máis dun millón de euros por enriba do límite que tiña para cumprir a regra de gasto. “Ofeito de propoñer para aprobación un plan sen medida algunha, no prazo de presentación, e deixalo correr ata dous meses despois cando o prazo para aprobación xa estea rematado, acusando así á oposición das consecuencias da falta de aprobación de ser o caso, dan conta da forma en que este alcalde está exercendo o seu mandato, mesmo en contra dos intereses da cidade”, resume a popular.

Por todo o anterior, e polo dano que “a actitude irracional do alcalde pode xerar para o futuro da cidade”, o PP considera urxente, “a fin de controlar e fiscalizar axeitadamente a toma de decisións do goberno de cara a garantir unha maior participación dos demais Grupos Políticos que representan á maioría absoluta da cidadanía, así como para darlle un maior coñecemento e importancia aos asuntos de xestión ordinaria do Concello, que as competencias que a normativa vixente establece como propias ou potestativas do Pleno da Corporación sexan competencia deste órgano colexiado”.

Julia Rodríguez precisa que, coas modificacións que se propoñen, “eliminaríase a actitude prepotente e carente de consenso do alcalde que vimos padecendo, aumentaríase de forma significativa a participación dos restantes Grupos Políticos, e, xa que logo, dos veciños aos que representan na vida política municipal e permitiríase un mellor control de eficacia e eficiencia na xestión do gasto público”.

Proposta de acordo

A proposta dos populares demanda que se aprobe a modificación das Bases de execución do orzamento para o exercicio 2017 nos seguintes termos:

1.Na Base de Execución 2ª.2 substitúese o seu contido íntegro polo seguinte:“As dúbidas que poidan xurdir na aplicación destas bases serán resoltas polo Pleno da Corporación por proposta da Alcaldía, logo do informe previo da Intervención xeral, e da Secretaría xeral cando proceda”.

2.Na Base 10ª.- Procedemento Simplificado. Substituirase o seu primeiro parágrafo polo seguinte: Todas as modificacións orzamentarias que se tramiten por este procedemento serán aprobadas polo Pleno.

3.Na Base 11ª.- Créditos ampliables:Substituirase a expresión “e resolverase mediante Acordo da Alcaldía-Presidencia, órgano competente”, polo seguinte parágrafo: “A aprobación do expediente corresponde ao Pleno da Corporación.”

4.Na Base 12.-Transferencias de crédito:Substituirase a expresión “Acordo da Alcaldía-Presidencia, órgano competente”, polo seguinte parágrafo: “A aprobación do expediente corresponde ao Pleno da Corporación.”

5.Na Base 13ª.- Xeracións de créditos:Substituirase a expresión “Xuntarase ao mesmo o acordo da Alcaldía-Presidencia, órgano competente”, polo seguinte parágrafo: “A aprobación do expediente corresponde ao Pleno da Corporación.”

6.Na Base 14ª.- Incorporación de remanentes de crédito:Substituirase a expresión “O expediente será aprobado polo Sr. Alcalde-Presidente”, polo seguinte parágrafo: “A aprobación do expediente corresponde ao Pleno da Corporación, con informe previo da Intervención.”

Os populares piden ademais que se dispoña a publicación deste acrodo de modificación no BOP, así como aprobar a revogación de cantas disposicións se opoñan ao disposto na presente proposta de acordo. Por último, o PP demanda aprobar, con carácter xeral, a expresa revogación de cantos acordos tivera adoptado o Pleno do Concello de Monforte polo que delegase o exercicio de calquera competencia ou atribución.

Novas

Redes Sociais