Novas

Venres,19 de maio de 2017

Os populares valoran a creación dun foro de debate representativo de toda a cidadanía, ao tempo que lle piden ao rexedor que reflexione sobre os ataques que está facendo ao patrimonio, entre eles a reforma do baixo do Hotel Comercio que a oposición rexeitou en Pleno

O PP de Monforte amosa a súa boa disposición para que o Plan Especial saia adiante, pero pídelle ao alcalde que o entregue para que a cidadanía participe do proceso de aprobación

Julia Rodríguez afea a posición do rexedor socialista cos seus ataques e descoido co patrimonio público

O Grupo Municipal do PP de Monforte amosa a súa boa disposición para que o Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico Artísticosaia adiante, pero pídelle ao alcalde, o socialista Tomé Roca, que o entregue “canto antes” para que a cidadanía poida participar do proceso de aprobación, unha vez se coñeza o seu contido e características.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, pídelle ao rexedor que, ademais de entregar o documento debera ter en conta os acordos tomados polo Pleno en relación co coidado do patrimonio público, como o referente ao concurso de ideaspara ordenar as frontes e fachadas e os espazos públicos da Praza da Compañía ou a intervención na muralla e o seu contorno, coa eliminación de herbas e saneamento de especies vexetais invasoras. Tamén lle demandan que non realice intervencións que constitúen verdadeiros ataques aos bens públicos, como a reforma que vai executar no Hotel Comercio pese a existir un acordo en contra da Corporación.

“Desde o PP amosamos a nosa mellor disposición sobre o plan, para que saia adiante, pero cremos que os primeiros signos para que isto sexa posible deben vir da man do Goberno local e do alcalde, quen debe garantir que se preserva e se defende o patrimonio, algo que non está a facer”, resume a popular.

Un foro representativo da cidadanía

Os populares valoran a iniciativa da creación dun foro para achegar ideas arredor do plan, así como a importancia de que estea representada toda a cidadanía, pero consideran que é imprescindible que,tanto os veciños e veciñas como ese espazo de debate que se constitúa, poidan contar co documento, como paso previo á súa aprobación.

Así, pídenlle ao rexedor que reflexione sobre o feito de poñer en marcha este foro para a defensa do plan mentres persiste no seu erro de derramar o baixo do Hotel Comercio, unha actuación que responde soamente “a un capricho persoal do alcalde co que está a malgastar os recursos públicos de todos os veciños e veciñas”.

“O primeiro que debe amosar é respecto polo patrimonio e poñelo en valor, algo que non está facendo. Pedimos expresamente que reconsidere o proxecto de reforma do baixo do Hotel Comercio, que vai destrozar coa súa reforma”, conclúe.

Novas

Redes Sociais