Novas

Sábado,20 de maio de 2017

Solicitan ademais que se proceda á recuperación do Escudo oficial do Concello de Monforte de Lemos aprobado por Decreto da Xunta de Galicia de 25 de abril de 2002

O PP de Monforte demanda a elaboración dun regulamento de protocolo, honores, distincións e cerimonial do Concello

JuliaRodríguez afirma que “non se coñece mérito algún ou vínculo de ningún tipo do señor Pedro Sánchez con relación a Monforte que o faga merecedor da especial distinción que supón firmar no Libro de Honra da Cidade”

O Grupo Municipal do PP de Monforte presenta unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que lle piden ao Goberno local que se proceda a elaborar un Regulamento de Protocolo, Honores, Distincións e Cerimonial do Concello de Monforte.

Solicitan ademais que se proceda á recuperación do Escudo oficial do Concello de Monforte de Lemos aprobado por Decreto da Xunta de Galicia de 25 de abril de 2002, facendo uso do mesmo como símbolo identificativo da cidade.

Os populares explican que decidiron presentar esta iniciativa, posto que en datas recentes un dos tres candidatos á secretaría xeral do PSOE visitou a nosa cidade, no marco da campaña que para as primarias do seu partido están levando a cabo os distintos candidatos. Pedro Sánchez foi recibido no Concello polo alcalde e invitado a firmar no Libro de Honra da cidade.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, explica que é propio de toda sociedade civilizada recoñecer os méritos dos seus concidadáns, agradecer servizos ou resolucións de problemas de especial entidade, doazóns ou actuacións de todo tipo que resultaran especialmente beneficiosas para a cidade. “Non se coñece mérito algún ou vínculo de ningún tipo do señor Pedro Sánchez con relación a Monforte que o faga merecedor da especial distinción que supón firmar no Libro de Honra da Cidade”, indica.

Apopular precisa que a finalidade deste regulamento non sería só determinar os criterios para outorgar recoñecementos e distincións da cidade, senón evitar usos abusivos ou partidistas como o que o Sr. Alcalde vén de facer co Libro de Honra da cidade. “Debe servir para regular honores e distincións, destinados a premiar especiais merecementos, cualidades ou circunstancias singulares que tiveran unha repercusión especialmente favorable para a cidade, e que se poderían concretar na nomenclatura de edificios, vías e prazas públicas, no outorgamento da Medalla da Cidade, na concesión do título de Fillo Predilecto ou Fillo Adoptivo, ou diploma de servizos distinguidos á cidade de Monforte.

Tamén debería servir, apuntan, para recoller os méritos que permitan designar cargos persoais e honoríficos como o de Cronista Oficial da Cidade.

Os populares apuntan ademais que este Regulamento debe servir tamén para fixar outros elementos relacionados con actos ou visitas oficiais á Casa Consistorial, actos oficiais da Corporación, a tramitación dos expedientes e cerimonias de concesión de distincións, etc.

Recuperar o escudo oficial

O Regulamento debe recoller tamén, inciden os populares, cales son os símbolos da cidade e as circunstancias do uso dos mesmos. Así, o PP considera preciso recuperar o uso do Escudo oficial da cidade, aprobado por Decreto da Xunta de Galicia, que nos últimos tempos foi sistematicamente substituído por un trazo que representa unha torre e unha ponte, sen que lle conste a este Grupo arazón ou acordo polo que sistematicamente se vén substituíndo o escudo oficial da cidade por ese outro símbolo.

Monforte conta cun escudo que recolle elementos propios da súa historia, que contou co preceptivo informe histórico-heráldico, e, polo tanto, debe ser empregado como un dos símbolos da cidade, recuperando así o seu valor.

Novas

Redes Sociais