Novas

Mércores,24 de maio de 2017

Os populares amosan a súa sorpresa porque o alcalde solo solicitara o informe de Secretaría se considera que tamén é necesario un de Intervención

O PP de Monforte pídelle ao alcalde que non obstaculice a votación para garantir a transparencia e a participación de todos os Grupos Políticos na xestión municipal

JuliaRodríguez insiste na necesidade de eliminar a actitude prepotente e carente de consenso do socialista

O Grupo Municipal do PP de Monforte pídelle ao alcalde, o socialista Tomé Roca, que non obstaculice a votación para garantir a transparencia e a participación de todos os Grupos Políticos na xestión municipal. Os populares amosan a súa sorpresa porque o rexedor teña pedido un informe de Secretaría en relación coa moción que teñen presentado para o seu debate no vindeiro Pleno “e non teña feito o mesmo con Intervención”.

“Agora di que falta un informe e que igual non chega a tempo para o Pleno, pero o que cremos é que xa o tiña que ter solicitado, ao igual que fixo co do Secretario”, precisa a voceira do PP, Julia Rodríguez.

Os populares consideran “o trámite normal” que tanto Secretaría como Intervención emitan os informes pertinentes sobre as mocións que os Grupo Políticos elevan ao Pleno, polo que, de non telo mañá, eles mesmos o solicitarán na comisión informativa previa á sesión plenaria do luns.

Desde o PP non só defende a legalidade e necesidade da súa moción, senón que lle piden ao rexedor que, de contar co apoio suficiente, se preocupe por darlle cumprimento e non por seguir poñendo obstáculos “asumindo actitudes absolutistas como a de non aceptar os mandatos do Pleno”.

O secretario non cuestiona a legalidade da moción

A voceira do PP lamenta as declaracións do alcalde nos medios de comunicación nas que asegura que a proposta do Grupo Municipal Popular non é legal cando o informe do Secretario “non cuestiona en ningún momento a súa legalidade”.

Por todo o anterior, e polo dano que “a actitude irracional do alcalde pode xerar para o futuro da cidade”, o PP insiste na urxencia de aprobar esta proposta“a fin de controlar e fiscalizar axeitadamente a toma de decisións do goberno de cara a garantir unha maior participación dos demais Grupos Políticos que representan á maioría absoluta da cidadanía, así como para darlle un maior coñecemento e importancia aos asuntos de xestión ordinaria do Concello, que as competencias que a normativa vixente establece como propias ou potestativas do Pleno da Corporación sexan competencia deste órgano colexiado”.

Julia Rodríguez precisa que, coas modificacións que se propoñen, “eliminaríase a actitude prepotente e carente de consenso do alcalde que vimos padecendo, aumentaríase de forma significativa a participación dos restantes Grupos Políticos, e, xa que logo, dos veciños aos que representan na vida política municipal e permitiríase un mellor control de eficacia e eficiencia na xestión do gasto público”.

Proposta de acordo

A proposta dos populares demanda que se aprobe a modificación das Bases de execución do orzamento para o exercicio 2017 nos seguintes termos:

1.Na Base de Execución 2ª.2 substitúese o seu contido íntegro polo seguinte:“As dúbidas que poidan xurdir na aplicación destas bases serán resoltas polo Pleno da Corporación por proposta da Alcaldía, logo do informe previo da Intervención xeral, e da Secretaría xeral cando proceda”.

2.Na Base 10ª.- Procedemento Simplificado. Substituirase o seu primeiro parágrafo polo seguinte: Todas as modificacións orzamentarias que se tramiten por este procedemento serán aprobadas polo Pleno.

3.Na Base 11ª.- Créditos ampliables:Substituirase a expresión “e resolverase mediante Acordo da Alcaldía-Presidencia, órgano competente”, polo seguinte parágrafo: “A aprobación do expediente corresponde ao Pleno da Corporación.”

4.Na Base 12.-Transferencias de crédito:Substituirase a expresión “Acordo da Alcaldía-Presidencia, órgano competente”, polo seguinte parágrafo: “A aprobación do expediente corresponde ao Pleno da Corporación.”

5.Na Base 13ª.- Xeracións de créditos:Substituirase a expresión “Xuntarase ao mesmo o acordo da Alcaldía-Presidencia, órgano competente”, polo seguinte parágrafo: “A aprobación do expediente corresponde ao Pleno da Corporación.”

6.Na Base 14ª.- Incorporación de remanentes de crédito:Substituirase a expresión “O expediente será aprobado polo Sr. Alcalde-Presidente”, polo seguinte parágrafo: “A aprobación do expediente corresponde ao Pleno da Corporación, con informe previo da Intervención.”

Os populares piden ademais que se dispoña a publicación deste acordo de modificación no BOP, así como aprobar a revogación de cantas disposicións se opoñan ao disposto na presente proposta de acordo. Por último, o PP demanda aprobar, con carácter xeral, a expresa revogación de cantos acordos tivera adoptado o Pleno do Concello de Monforte polo que delegase o exercicio de calquera competencia ou atribución.

Novas

Redes Sociais