Novas

Martes, 17 de setembro de 2013

Os populares aseguran que é responsabilidade do Goberno local esixir que se dea cumprimento ás condicións recolleitas no texto ou, no seu caso, sancionar, rescatar, secuestrar ou resolver o acordo

Julia Rodríguez considera "unha xustificación impresentable" que o Concello achaque os problemas do auga ao contrato

O Grupo Municipal do PP afirma que as obras acometidas estes días na cidade "non solucionarán" os problemas de subministro porque existen 80 quilómetros de rede nun estado lamentable

O Grupo Municipal do PP de Monforte considera unha "xustificación impresentable" que o Concello achaque os problemas do auga ao contrato asinado no ano 2001 por un Goberno popular. A portavoz do PP de Monforte, Julia Rodríguez, recórdalle ao alcalde que é responsabilidade do Goberno local vixiar o servizo ou, no seu caso, obrigar á concesionaria a cumprilo ou tomar medidas pola vía da sanción, o rescate, o secuestro e a resolución do contrato.

Os populares realizan estas declaracións logo de analizar as bases da concesión e tras comprobar que as acusacións do Goberno local con respecto ás condicións do texto "non son certas". O Grupo Municipal do PP afirma que o contrato fíxose de maneira que a concesionaria estea obrigada a renovar as conducións, "un traballo que nos últimos dez anos non se levou a cabo".

Desde o Grupo Municipal Popular explican ademais que as obras acometidas estes días "non van resolver os problemas de auga da cidade", porque responden a un arranxo puntual dos depósitos de San Vicente, cando existen 80 quilómetros de rede de subministro que se atopan nun estado lamentable, polo que "cando non rompen por unha banda, rompen pola outra", precisa a portavoz.

Dez anos nos que non se fixo nada

Julia Rodríguez critica que non se actuou na renovación da rede e que o Goberno local non lle esixiu á concesionaria que acometera a correspondente actuación para que pasase a estar en condicións óptimas. "O mal estado da rede non se vai a resolver así, nin tampouco coa posta en marcha da nova potabilizadora como xa advertiron no seu día os redactores do Plan de Urbanismo e como xa recolle o propio contrato no que se prevén uns investimentos en materia de renovación que non foron esixidos por parte do equipo de Goberno". "E iso é así porque en dez anos non se fixo nada desde o Concello para poñerlle solución", engade Rodríguez.

En relación cos cortes destes días, o PP insiste en que se deberían levar a cabo antes do verán, de xeito coordinado e habilitando medidas extraordinarias, para evitar os incidentes que estas obras poidan causarlles aos cidadáns e aos comercios da cidade.

Novas

Redes Sociais