Novas

Sábado,27 de maio de 2017

Os populares revelan que o Goberno local ten 150 horas sen asignar pese a existir persoas que demandan o servizo que ofrece a Xunta e ás que non se lles da resposta

O PP de Monforte preguntará no Pleno por qué o Concello non fai uso do número total de horas dispoñibles para o Servizo de Axuda a Domicilio

Julia Rodríguez explica que se interesarán no Pleno por saber se esta situación se recolle nas bases de contratación do servizo

O Grupo Municipal do PP de Monforte preguntará no Pleno do luns cales son as razóns polas que o Goberno local non está facendo uso do número de horas total dispoñibles para o Servizo de Axuda a Domicilio que ofrece a Xunta cando existen persoas que demandan o servizo e ás que non se lles está a dar resposta.

Os populares queren saber se o equipo de Goberno ten previsto regularizar esta situación e cando o vai facer. Tamén se interesarán por saber se nas bases de contratación do servizo se recolle esta situación.

O Grupo Municipal do PP traslada estas preguntas tras coñecer que desde o 4º trimestre de 2016 ata o primeiro trimestre de 2017 o número de usuarios do Servizo de Axuda a Domicilio se ten visto incrementado. O número de horas ten aumentado en 637 con respecto ao 2016, o que supón un incremento do 15,7%.

Así, as horas asignadas mensualmente ascenden a 4.690, mentres que as horas que se prestan son 4.540, segundo os datos oficiais. A voceira do PP, Julia Rodríguez, explica que o que isto quere dicir é que existe un número de horas dispoñibles sen asignar por parte do Concello que ascende a 150 horas.

Á vista dos datos, o Grupo Municipal do PP quere saber cales son as razóns polas que o Concello non está facendo uso dese elevado número de horas, pese a que existen persoas en espera de que lles sexa prestado o servizo.



Novas

Redes Sociais