Novas

Luns,29 de maio de 2017

Os populares desvelan a existencia dunha factura deste mesmo mes correspondente á conservación do elevador por importe de 102 euros, cando presenta un cartel na porta de acceso que indica que está fóra de servizo

O PP interesarase no Pleno desta tarde polas razóns da demora da posta en funcionamento do ascensor da Casa da Cultura

JuliaRodríguez lamenta que haxa unha modificación de crédito para destinar máis recursos públicos ao elevador cando segue sen estar operativo

O Grupo Municipal do PP de Monforte preguntará no Pleno desta tarde polas razóns da demora na posta en funcionamento do ascensor da Casa da Cultura. Tamén queren saber cando vai estar dispoñible para que as persoas con discapacidade poida facer uso do elevador para acceder á biblioteca municipal e ás aulas da UNED.

Os populares recordan que hai anos que se instalou o ascensor, co consecuente gasto que aquela actuación representou, pese a que nunca chegou a poñerse en funcionamento. Tanto é así que se mantivo oculto tras un panel, como xa no seu día denunciou o PP.

A isto súmase unha factura con reparos de Intervención de maio de 2017 con data de día un por importe de 102 euros correspondente á Conservación do ascensor da Casa da Cultura do mes de maio 2017. O PP amosa a súa sorpresa por este pagamento cando o ascensor presenta un cartel na porta de acceso que indica que está fóra de servizo.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, lamenta que máis dun ano despois de que o Goberno local comprometera esta actuación siga sen ser capaz de poñer en funcionamento o elevador. “Levan anos gastando diñeiro, antes o BNG e agora o PSOE, e segue sen estar a disposición dos usuarios”, engade.

Esta situación provoca que as actividades culturais e educativas que se realizan no edificio non poidan ser desenvolvidas por persoas con mobilidade reducida pola imposibilidade de acceder ás plantas superiores onde están emprazadas a biblioteca e as aulas da UNED.

O elevador segue sen estar operativo

Despois de varios anos o orzamento elevado ao Pleno para 2016 contemplaba unha partida de 20.000 euros para a reposición e arranxo desta infraestrutura. Entre a documentación que figura no Pleno de hoxe atópase un expediente de modificación de crédito 20/2017 que recolle, entre outras partidas, a contía de 27.525 euros para a contratación de instalación de ascensor na Casa da Cultura.

O PP xa ten levado este asunto ao Pleno en varias ocasións e sempre se indica que a posta en funcionamento é inminente, “pero a día de hoxe segue sen estar operativo”, censuran.

Novas

Redes Sociais