Novas

Xoves,01 de xuño de 2017

COMUNICADO CONXUNTO DOS GRUPOS DO BNG, ESPERTAMONFORTE E DO PP DE MONFORTE:

Estes tres Grupos queren manifestar que:

Ao final do Pleno de onte, na quenda de preguntas, xurdiu unha controversia con respecto á presentación dunhas preguntas rexistradas polo BNG a través do rexistro telemático. Isto motivou unha discusión entre o Secretario municipal e o alcalde, quen tratou de xustificar que non ía responder a esas preguntas porque non tivera coñecemento da súa presentación ata as onde da mañá do día de onte. O Secretario tomou a palabra pedindo que non se escudara nos funcionarios para non responderlle ao BNG. O rexedor impediu incluso que o Secretario se explicase negándolle o uso da palabra, como habitualmente lle fai ás tres voceiras municipais, o que motivou que todos os Grupos da oposición nos levantaramos, abandonando o Pleno.

Para os tres Grupos da oposición a discusión entre o rexedor e o Secretario deixou á vista:

1.As presións ás que se vén sometidos os técnicos, en particular no que se refire á elaboración de informes en relación ás mocións presentadas polos Grupos da oposición.

2.Quea sede electrónica está residenciada na Alcaldía impedindo así o control preceptivo desde a Secretaría.

3.O modo en que a Alcaldía dispón de medios, contando con tres persoas á súa disposición, ao tempo que o Secretario non ten ningún tipo de auxilio para o desenvolvemento do seu traballo, a pesar de que o peso da xestión municipal recae sobre Secretaría.

4.A actitude ditatorial do Alcalde non se manifesta só de cara ás voceiras municipais como vimos denunciando hai tempo, senón que onte se manifestou tamén de cara a un funcionario que soporta unha gran carga de traballo sendo o sostén da xestión municipal.

Os Grupos da oposición indican que dos feitos descritos ten que dar conta a gravación do Pleno que, estas voceiras, esperan que non sexa manipulada nin ocultada, aínda que a discusión entre o rexedor e o Secretario continuase despois de que fose levantada a sesión plenaria en dependencias municipais, unha vez que as voceiras decidiran levantarse e abandonar o Pleno para denunciar uns feitos que consideramos gravísimos.

En relación co acontecido, consideramos que o alcalde non está á altura da institución á que representa, dado que a el lle corresponde a responsabilidade de conciliar e rebaixar o ton, evitando este tipo de confrontacións que en nada favorecen o normal funcionamento e desenvolvemento da vida municipal.

A maiores, o Pleno de onte revelou a actitude ditatorial que se vén manifestando coas voceiras dos Grupos da oposición, cos técnicos e co uso partidista da institución, como así aconteceu coa sinatura no libro de honra non só de Pedro Sanchez, senón de Patxi López, na súa calidade de afiliados ao PSOE.

Non só estamos sufrindo as súas faltas de respecto, que onte se plasmaron acusándonos dunha actitude ou comportamento parasitario, senón que esas faltas de respecto constantes se estenden ás persoas que representamos cando por sistema se nega a dar cumprimento aos acordos, aínda que sexan de competencia plenaria como aconteceu en reiteradas ocasións e onte de novo coa moción presentada polo PP para o cambio de competencias que dixo que non vai cumprir, pese a ser aprobada polo Pleno.

Por todo o exposto, os tres Grupos da oposición e as súas voceiras rexeitamos o acontecido onte e trasladamos que non estamos dispostos a consentir nin soportar este comportamento ditatorial, prepotente e chulesco.

Asinado:

María Pilar López Martínez

María Isabel García Díaz

María Julia Rodríguez Barreira

Novas

Redes Sociais