Novas

Venres,30 de xuño de 2017

Tras a aprobación do texto en Xunta de Goberno e durante o período de exposición pública, os populares contarán con dous arquitectos que, unha vez por semana, axudarán a resolver as aclaracións que o plan suscite

O PP de Monforte porá a dous técnicos a disposición dos interesados para que expliquen as dúbidas sobre o Plan Especial do Casco Histórico

Julia Rodríguez afirma que o seu Grupo estudará o texto en profundidade, posto que lles foi entregado por vez primeira na reunión do pasado mércores

Pide que o Goberno local faga accesible o documento a través da súa publicación na páxina web do Concello, unha vez sexa aprobado pola Xunta de Goberno

O Grupo Municipal do PP de Monforte porá a dous técnicos a disposición dos interesados para explicar as dúbidas que poida xerar o plan especial de protección do conxunto histórico. Así o fará despois de que o documento sexa aprobado en Xunta de Goberno e se inicie o período de exposición pública.

Os populares explican que contarán na sede do partido con dous arquitectos que, unha vez por semana, informen aos interesados para contribuír e favorecer a súa consulta, así como as aclaracións que precisen os cidadáns.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, explica que con esta medida o seu partido trata de evitar que pase o que aconteceu co PXOM, que rematou nun caixón, “polo que trataremos de que todos os veciños e veciñas poidan coñecer o plan especial en profundidade, saiban cómo lles poden afectar os cambios e as propostas que nel se fan e fagan, se así o consideran, as súas alegacións”.

“Imos darlles todas as facilidades aos veciños e veciñas para que este plan poida ser froito do consenso e axude a recuperar unha zona da cidade que é preciso mellorar e preservar”, indica.

O PP estudará o plan en profundidade

A popular afirma que o seu Grupo vén de iniciar o estudo do documento entregado o pasado mércores polos redactores, posto que ata o de agora non contaron cunha copia do plan. Así, desde o PP demándanlle ao Goberno local que facilite o acceso ao documento unha vez sexa aprobado pola Xunta de Goberno poñéndoo a disposición de todos e todas os interesados na páxina web do Concello de Monforte.

Novas

Redes Sociais