Novas

Sábado,8 de xullo de 2017

Os populares queren saber se o cambio do convenio coa Deputación de Lugo, que vén de aprobarse na Xunta de Goberno da institución provincial, vai supor algunha modificación do proxecto inicial

O Grupo Municipal do PP denuncia a “total improvisación” coa que o alcalde está a actuar para consolidar a súa desfeita do baixo do Hotel Comercio

JuliaRodríguez sospeita que o rexedor pretende cambiar o proxecto orixinal, pese a que en todas as negociacións que a oposición tratou de establecer se negou a modificar unha soa coma

Advirte que “se o proxecto inicial era un despropósito, o que se intúe xa é un desatino total”

O Grupo Municipal do PP de Monforte denuncia a “total improvisación” coa que o alcalde está a actuar para consolidar a súa desfeita do baixo do Hotel Comercio. Así se desprende do cambio no convenio asinado entre a Deputación de Lugo e o Concello de Monforte que vén de autorizar a Xunta de Goberno da institución provincial con data de 23 de xuño de 2017 na que se da conta dunha modificación do convenio.

En concreto, a Xunta de Goberno acordou a modificación do convenio de colaboración entre a Deputación de Lugo e o Concello de Monforte coa finalidade común de colaborar na realización de obras e acondicionamento de local sede do Consorcio Turismo Ribeira Sacra e Oficina do Peregrino, de tal xeito que a data para executar os investimentos obxecto desta modificación ao convenio quede fixada na data límite do 30 de setembro de 2017.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, sospeita que este cambio suporá unha modificación do proxecto inicial, pese a que nas reunións que o rexedor mantivo coas voceiras da oposición se negou en todo momento a cambiar unha soa coma. “A evolución das obras fai pensar nun cambio sobre a proposta inicial, pese a que ten dito que non se podía modificar”, insiste.

A popular precisa que “se o proxecto inicial era un despropósito, o que se intúe xa é un desatino total”. Así, as obras deixan á vista que se está a tabicar con pladur sen ter colocados máis paneis, polo que todo indica que se vai eliminar a porta que diferenzaba os dous usos, o do Consorcio e o do Camiño, é de ser así o espazo para o Camiño quedaría convertido nun pasillo.

Un ataque ao noso patrimonio

Desde o PP manteñen a proposta de que o espazo sexa dedicado ao Camiño de Inverno como nexo de unión, pero que debe quedar a un andar con paneis móbiles que permitan usos múltiples; un espazo que, en definitiva, permita de todas as maneiras posibles difundir e promocionar o Camiño na nosa cidade e na nosa comarca.

Todo parece indicar que non existirá esa zona específica para o Camiño, o que leva aos populares a preguntar no vindeiro pleno polas razóns polas que se modifican os prazos e cómo se vai ver afectado o proxecto inicial.

“Ao final vese o que vimos dicindo durante meses, que o alcalde non ten un proxecto para o baixo, máis alá de querer esnaquizalo compartimentando o espazo de maneira que non vai ser útil para o fin que se persegue. Co seu capricho, e pese a o criterio en contra da oposición, o alcalde segue adiante co seu ataque ao patrimonio da cidade”, lamenta Rodríguez.

Novas

Redes Sociais