Novas

Martes,18 de xullo de 2017

Os membros do colectivo mantiveron unha xuntanza de traballo co conselleiro, na que tamén participou a deputada monfortina, na que lle trasladaron a Vázquez Almuíña as súas necesidades na procura da colaboración das administracións públicas

Julia Rodríguez agradece que a Consellería de Sanidade siga colaborando coa Asociación Albores

Tanto a voceira do PP como o responsables autonómico agradeceron o traballo que Albores está a desenvolver na zona sur da provincia desde o seu nacemento

A voceira do Grupo Municipal do PP de Monforte e deputada autonómica Julia Rodríguez vén de manter unha xuntanza de traballo co conselleiro de Sanidade e os integrantes da Asociación Albores. Rodríguez agradece que a Consellería de Sanidade siga colaborando coa asociación, unha entidade sen ánimo de lucro creada no ano 1999 por familiares e persoas con enfermidades mentais crónica da zona sur da provincia.

A Asociación presta atención na actualidade ao Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral (CRPL) de Monforte e ao de Chantada, nos que hai 40 prazas concertadas, 25 na cidade do Cabe e 15 na do Asma. Os membros de Albores manifestaron a importancia de incrementar o número de prazas coas que contan na actualidade, así como o interese por abrir ‘pequenas delegacións’ en zonas rurais, tendo en conta e amplitude do territorio e a falta do transporte, que acheguen a rehabilitación a aqueles lugares no que exista necesidade, facilitando así o acceso dos usuarios.

Tamén expresaron a necesidade de incrementar a dotación económica das prazas dos Centros de Rehabilitación Psocisocial e Laboral para poder proporcionar unha atención completa aos usuarios.

Entre as demandas da Asociación; a posibilidade de contar cun piso protexido máis, a creación dunha futura unidade residencial ou a creación de servizos e dispositivos que traballen na vía da integración a través do emprego mediante o apoio á creación de centros ocupacionais, centros especiais de emprego ou o apoio a políticas de emprego e formación para persoas con enfermidades mentais.

O conselleiro agradeceu, ao igual que a voceira do PP, o traballo que está a desenvolver a asociación Albores na zona sur desde o seu nacemento, ao tempo que se comprometeu a estudar as demandas que lle trasladaron e para as que procuran colaboración das administracións públicas.

Traballo da asociación

A Asociación Albores nace co obxectivo de promover a recuperación integral e a mellora da atención e calidade de vida das persoas con enfermidades mentais crónicas e as súas familias para o que buscan os recursos que posibiliten dotar á zona de actuación dos servizos necesarios que cubran as necesidades de atención. O ámbito de actuación comprende once concellos da zona sur: Folgoso do Courel, Quiroga, Ribas de Sil, Pobra de Brollón, Bóveda, O Saviñao, Chantada, Carballedo, Pantón, Sober e Monforte.

En 2001 abriu o Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral Albores en Monforte seguido do piso protexido, ambos na cidade do Cabe. En 2010 procedeuse a apertura dun novo CRPL situado en Chantada.

Novas

Redes Sociais