Novas

Venres, 20 de setembro de 2013

Os populares presentaron unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que solicitan información sobre calquera novación que se realizara en relación cos compromisos adquiridos inicialmente coa firma que presta o servizo

O PP esíxelle ao equipo de Goberno que obrigue á empresa concesionaria do auga a cumprir co contrato

Julia Rodríguez demanda que se limite o tempo máximo de duración das obras cando leven consigo cortes no subministro

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que instan ao equipo de Goberno a esixir á concesionaria do servizo do auga o cumprimento do contrato, incoando expedientes sancionadores ou as medidas que sexan procedentes no seu caso co fin de garantir a súa adecuada prestación.

Os populares demandan información ao Goberno local sobre calquera novación do contrato que teña formalizado o Concello respecto aos compromisos inicialmente adquiridos pola concesionaria, en concreto no que incumbe á construción dun parque acuático e dun miradoiro sobre os depósitos de San Vicente, así como sobre a renovación da rede.

Para rematar, o Grupo Municipal do PP insta ao Concello a que, en cumprimento do contrato, e de ser necesaria unha interrupción do subministro para acometer obras na rede, se procure en todo momento limitar ao máximo o tempo de duración do corte aportando os medios humanos e materiais necesarios para o seu inmediato restablecemento, de maneira que se causen os mínimos trastornos aos afectados.

Infraccións e sancións

Tal e como recollen os populares na súa moción, o contrato establecido coa concesionaria do auga revela que o Concello ten á súa disposición unha relación de infraccións e sancións que lle permiten actuar de producirse un incumprimento. Hai infraccións sancionadas con multas desde 3.000 ata 9.000 euros, ademais de multas de 60 a 300 euros diarios se pasa o prazo para emendar os defectos que o Goberno local sinale.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, explica que a sucesión de cortes "deixa á vista" o colapso que sofre unha rede de conducións "obsoleta e deteriorada" que "non foi obxecto da mínima actuación de renovación e substitución que requiriría ao longo dos últimos anos". A portavoz precisa que as actuacións da concesionaria van dirixidas a efectuar as reparacións de avarías que se van producindo na rede, pero "non consta que teñan realizado os investimentos ás que estaba obrigada".

Novas

Redes Sociais