Novas

Martes,25 de xullo de 2017

O Grupo Municipal Popular pedirá no próximo Pleno que o Goberno local requira á concesionaria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria para que cumpra co seu contrato

O PP de Monforte denuncia que o alcalde está a permitir que FCC preste servizos noutros concellos, capte auga en bocas de rego e acometa traballos con persoal municipal que corresponden á empresa

Julia Rodríguez demanda tamén que se incoen os expedientes sancionadores que procedan no caso de que a concesionaria manteña estas prácticas ou outras que representen incumprimento das súas obrigas

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no Pleno do vindeiro luns na que insta ao equipo de Goberno a requirir á concesionaria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria, FCC, a que cumpra o contrato ao que está obrigada nos seus propios termos.

O Grupo Municipal do PP presentou unha moción en marzo en relación á limpeza de solares no recinto amurallado e á eliminación de graffitis no entorno de San Vicente. O voto de calidade do alcalde fixo que a iniciativa non fora aprobada.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, recorda que en abril de 2016 o seu Grupo defendeu unha iniciativa similar en relación á limpeza de solares e particularmente en relación á limpeza da muralla e a elaboración dun informe que permitira determinar a súa titularidade co fin de promover actuacións de recuperación nela. O Goberno local tamén votou en contra, pese a que o contrato de FCC indica entra as obrigas da concesionaria a prestación da labor de saneamento de especies vexetais invasoras nos monumentos públicos de referencia do Concello (Ponte Vella e Muralla)”.

Incumprimentos da empresa

Pese aos votos en contra das mocións do PP o alcalde vén de anunciar recentemente que vai proceder á limpeza da muralla, como así pode verse na web municipal e como publicaron os medios de comunicación. A voceira popular considera que esta conduta “evidencia que o alcalde vota en contra das propostas do Partido Popular, e mesmo carga contra elas para despois levalas a cabo mesmo cos mecanismos que primeiro negou e cuestionou, como por exemplo a limpeza co guindastre que no contrato de FCC se comprometía para dar cumprimento á obriga de sanear e eliminar as especies vexetais invasoras da Muralla”.

Ademais, lonxe de requirir á empresa para que o leve a cabo, ordena facelo aos operarios municipais, en lugar de esixirlle á empresa o cumprimento do contrato, como temos comprobado no caso da limpeza da Ponte Vella.

Fraude ao Concello monfortino

Por se isto fora pouco, este Grupo municipal ten noticia de que operarios de FCC reciben instrucións e son trasladados a outros Concellos limítrofes onde a mesma empresa presta servizos de limpeza para levar a cabo tarefas propias dese servizo. Isto representa, que mentres a empresa percibe os prezos correspondentes doutros Concellos, traslada aos operarios de Monforte para prestar servizos. “Desta maneira, o servizo polo que estamos pagando, vese minguado, posto que pagamos por horas e operarios que realmente non están desenvolvendo o seu traballo en Monforte, o que representa un fraude ao Concello monfortino”, resume a popular.

O PP ten recibido ademais queixas de veciños advertindo de que a empresa FCC capta auga nas bocas de rego, polo tanto, auga potable, para ser utilizada no baldeo das rúas, captación que está expresamente prohibida no contrato do servizo de limpeza viaria e recollida de lixo, que establece un punto de captación específico no lugar de A Veiga. Este feito non só representa un incumprimento do contrato e unha perda de auga potable, senón que prexudica aos veciños das zonas onde se capta, que ven como diminúe de modo apreciable a presión da auga da que dispoñen cando se produce a captación, coas dificultades e molestias que conleva.

Por todo o anterior, o PP advirte unha falla de control e supervisión por parte do Concello no que atinxe a este tipo de actuacións da empresa FCC. E apréciase tamén unha falla de interese en esixirlle o cumprimento do contrato nos seus propios termos, de maneira que se a limpeza da Ponte Vella a levaron a cabo operarios municipais, foi obviamente por decisión do Concello.

Así, os populares piden na súa moción que FCC proceda:

-ao saneamento das especies vexetais invasoras nos monumentos de referencia do Concello, particularmente na Ponte Vella e na Muralla.

-a levar a cabo a captación de auga para o baldeo e limpeza viaria nos puntos de captación previstos no contrato, absténdose de captar nas bocas de rego.

-a que se absteña de trasladar operarios do servizo de limpeza de Monforte a prestar servizos de limpeza noutros concellos limítrofes.

Desde o PP demandan tamén que se incoen os expedientes sancionadores que procedan no caso de que a concesionaria manteña estas prácticas ou outras que representen incumprimento das súas obrigas.

Novas

Redes Sociais