Novas

Mércores,26 de xullo de 2017

Contrataranse 15 desempregados menores de 30 anos que farán traballos de carpintería e moble, así como actuación para a instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes

O PP subliña o compromiso da Xunta con Monforte coa concesión dun obradoiro que dará traballo a 15 desempregados

Julia Rodríguez agradece esta iniciativa da Xunta que permite, dun lado, crear postos de traballo e, doutro, acometer actuacións de interese para a cidade

O Grupo Municipal do PP de Monforte subliña a concesión dun obradoiro de emprego á cidade do Cabe por parte do Goberno galego, o que permitirá a contratación e formación de 15 desempregados menores de 30 anos. A selección do persoal levarase a cabo en agosto e comezarán a traballar a finais do mes de setembro.

Así, a Xunta de Galicia vén de concederlle un obradoirode emprego ao Concello de Monforte de Lemos, a través do que se contratarán 15 persoas. O importe desta axuda ascende a 140.188euros. Os contratos vanse prolongar por un período de seis meses que permitirán actuar en diferentes zonas da cidade, entre elas en Covas e A Pinguela, de maneira que se completarán os traballos que xa se promoveron nestes espazos polo anterior obradoiro.

Ademais das 15 persoas contratadas o obradoiro inclúe o traballo dun monitor por cada módulo, un administrativo e un director. Deste xeito, as contratacións aproxímanse ás vinte persoas.Os beneficiarios deste programa, que a Xunta leva a cabo en coordinación cos concellos lucenses, recibirán formación e un contrato de traballo, ademais dun certificado de profesionalidade con validez en todo o territorio español.

Trátase dunha iniciativa que non é compartida con ningún outro concello, senón destinada exclusivamente ao de Monforte. En concreto, o Goberno local pediu esta axuda para realizar traballos de carpintería e moble, así como para acometer actuacións para a instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes.

A voceira do PP, Julia Rodríguez,agradece esta iniciativa da Xunta que permite, dun lado, crear postos de traballo e, doutro, acometer actuacións de interese para a cidade.

Aposta polos máis novos

Na provincia de Lugo poranse en marcha este ano catro obradoiros dirixidos especialmente a menores de 30 años, un deles éo de Monforte. Este feito demostra “unha aposta moi importante da administración por mellorar a empregabilidade dos mozos e mozas máis novos en ámbitos nos que ademais hai unha demanda constante deste perfil profesional”.

Novas

Redes Sociais