Novas

Sábado,29 de xullo de 2017

Os populares presentan unha moción na que requiren á concesionaria a que cumpra o contrato e que o Goberno local incoe os expedientes que procedan no caso de que persista coa súa actitude incumpridora

O PP sostén que son “múltiples” os exemplos nos que Aqualia incumpre o contrato mentres o equipo de Goberno “mira para outro lado”

Julia Rodríguez enumera varios dos incumprimentos relacionados coa localización e eliminación de fugas, a impermeabilización do depósito de Cornado, os vertidos, o horario de atención ao público ou o servizo de atención telefónica

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate do Pleno do luns na que requiren á concesionaria do servizo de abastecemento de auga e saneamento, -Aqualia-, para que cumpra o contrato ao que vén obrigada nos seus propios termos. Piden ademais incoar os expedientes sancionadores que procedan no caso de que a concesionaria manteña a súa actitude incumpridora respecto das obrigas recollidas no contrato que a vincula.

En terceiro lugar, demandan que se determinen os efectos económicos dos incumprimentos da concesionaria nos termos que xa se ten instado e aprobado en plenos anteriores. En último lugar, os populares solicitan iniciar a tramitación dun expediente para determinar a cantidade debida polo Concello á concesionaria en concepto de IPC, e outro coa cantidade debida pola concesionaria ao Concello en concepto de melloras non executadas. Así, piden deixar para un terceiro expediente as posibles débedas entre as partes derivadas da execución de obras, posibles inversións e incumprimentos que deberán ser valorados un a un.

Desde o PP sinalan que “son moitos os exemplos nos que a concesionaria Aqualia incumpre o seu contrato, mentres o alcalde e o seu equipo de goberno miran para outro lado. Tristemente a única sanción que pode ter en tantos anos de incumprimentos esta concesionaria pode vir do Instituto Galego de Consumo, por mor dunha denuncia cidadá por ter un teléfono de pago que non está operativo as 24 horas”, indican.

Abusos e incrumprimentos

“Esta é a enésima vez que se producen abusos e incumprimentos por parte da concesionaria sen que o Concello faga nada para controlala, requirila de cumprimento e determinar os efectos económicos dos mesmos. Queda á vista que o cambio no equipo de goberno desta cidade non ten representado cambio algún na ausencia de esixencia á concesionaria Aqualia no que atinxe ao cumprimento das súas obrigas”, resume a voceira Julia Rodríguez.

Os populares explican que os incumprimentos da empresa son de todo tipo; en materia de localización e eliminación de fugas, en materia de vixilancia e control de vertidos, de limpeza de sumidoiros, de execución das melloras que tiña comprometidas, de reparación de avarías, etc...

É evidente ademais que ao longo dos anos as conducións se foron deteriorando e avariando sen que se procedese á renovación e substitución de conducións, de maneira que se adecuaran en cada momento ás esixencias da correcta prestación e xestión do servizo, tal e como obrigaba o contrato.De feito, cando algunha desas renovacións se ten producido foron financiadas polo Concello ou por outras administracións, ou mesmo teñen sido consideradas indebidamente como inversións da concesionaria polo anterior equipo de goberno, pretendendo o actual alcalde soster esa consideración na proposta de acordo que trouxo a este pleno e que era claramente favorable para a empresa.

O Grupo Municipal do PP sostén que “este equipo de goberno segue na mesma dinámica de non facer nada para esixirlle a esta empresa o cumprimento do seu contrato”. Así:

-Sobre a localización e eliminación de fugas: recentemente, e como consecuencia de tres rebentóns seguidos vense de anunciar como unha “concesión graciosa” que Aqualia procederá á colocación de “aparatos que permitirán detectar a tempo posibles fisuras” en resposta a petición do alcalde que lle propuxo a necesidade de que a empresa “mellore a súa resposta” fronte a este tipo de avarías.

Os populares recordan que a concesionaria non ten feito nin as campañas preventivas de detección de fugas ás que viña obrigada nin a reparación das mesmas e a súa renovación nos tramos nos que a reparación non sexa viable, que era a fin última de tales campañas.

-Sobre a necesidade de impermeabilización do depósito do Cornao: o alcalde orzamentouna inicialmente para despois facer unha modificación de crédito, -despois de que a súa execución no marco da construción da ETAP, fora rexeitado polo equipo de goberno anterior-. A necesidade de impermeabilización do depósito quedou á vista nos informes que recomendan ao Concello: “hay que recordar al Concello que sigue pendiente la impermeabilización del interior del depósito, que está fugando por varios puntos y que,además, está filtrando al interior a través de la solera el agua del freático cuando los vasos están vacíos”.

-Sobre os vertidos: ten ido a pleno unha proposta para a súa aprobación, en relación ao convenio de financiamento do plan de eliminación de vertidos, na que se recolle unha achega do Concello de Monforte de 400.000 euros. Esta actuación, de renovación da rede para evitar as filtracións polo mal estado da rede, ten o fin de evitar a imposición de sancións, por parte da CHMS.

Non hai constancia de que tal control semanal se producira, de feito, téñense producido vertidos de cloro da ETAP, da EDAR do Polígono e de Piñeira, sen que exista constancia de vixilancia algunha por parte da concesionaria. Son moitos os casos de sancións por vertidos impostas pola CHMS.

-Sobre o horario de atención o público da oficina: A oficina de Aqualia permanece aberta ao público de 9 a 13 horas. A concesionaria está ofrecendo catro horas de atención o público cando ten contratadas 8 horas, de maña e de tarde.

-Sobre o servizo de atención telefónica: A concesionaria pon a disposición dos usuarios un teléfono 902, en horario de 8 da maña a 8 da tarde de luns a venres. O usuario que chama a este teléfono soporta o custo íntegro da chamada. Nada que ver co que establece o contrato.

En resumo, este equipo de Goberno leva dous anos ao fronte do Concello. Expedientes sancionadores: ningún. Reclamación á concesionaria: non. Pola contra, este equipo de Goberno ten asumido obras e custes de actuacións que lle correspondería soportar á concesionaria, e mesmo trouxo a este pleno unha proposta de acordo que beneficiaba claramente á empresa, en prexuízo do Concello.

Novas

Redes Sociais