Novas

Mércores, 16 de agosto de 2017

O Grupo Municipal Popular considera que o aprazamento do Pleno extraordinario para debater a presentación de alegacións ao anteproxecto da Lei de Saúde destapa o “xogo político” do rexedor que se está a mover “só por intereses partidistas”

O PP de Monforte censura que o alcalde estea a empregar a sanidade pública para obter réditos políticos

Os populares desvelan que as circunstancias que se están a dar tamén demostran a loita existente entre Esperta Monforte e o socialista por capitanear este asunto e usalo politicamente

O Grupo Municipal do PP de Monforte censura que o alcalde da cidade, o socialista José Tomé, estea a empregar de novo a sanidade pública para obter réditos políticos. Os populares denuncian que o rexedor “unha vez máis estea a utilizar unha área de especial relevancia e sensibilidade como é a sanitaria, no seu propio beneficio político”, remarcan.

O Partido Popular advirte que as circunstancias que se están a dar en relación ao anteproxecto de Lei da Saúde e, especialmente, precisan, “o baile de datas sobre as actuacións do rexedor”, destapan o “xogo político do alcalde, que se está a mover só por intereses partidistas e por un afán claramente político”.

Os populares lembran que, nun primeiro momento, o rexedor anuncia a convocatoria dunha Xunta de Voceiros para o día 18 co obxecto de tratar o anteproxecto de Lei da Saúde e que o propio alcalde considerou que se debía aprazar ata que pasasen as festas patronais. Posteriormente e ante o anuncio de Esperta Monforte de que pediría un Pleno extraordinario, o alcalde convoca un Pleno para o día 16 ás 13:00 horas co argumento de que o prazo de presentación de alegacións remata o día 17. Finalmente, o mesmo día 16, o rexedor decide aprazar este Pleno ata o 29 de agosto, é dicir, tres días antes de que finalice o prazo de presentación de alegacións e unha vez que este foi ampliado pola Xunta.

Para os populares este baile continuado de datas e de accións “só demostran o afán político que move ao alcalde, guiado polo interese de ser o principal protagonista deste xogo que está a empregar a sanidade pública como un mecanismo para acadar beneficio político”.

Os populares consideran que as circunstancias que se están a dar desvelan tamén a loita entre Esperta Monforte e o alcalde para capitanear este asunto e usalo politicamente xa que “van un tras o outro, a ver cal acada maior recoñecemento público na crítica contra este anteproxecto”.

Dende o PP lamentan esta situación e a alarma que outra vez o alcalde está a querer xerar entre a cidadanía tal e como xa se deu nos anos 2010, 2011 e 2012, cando tamén empregaron politicamente a implantación das áreas de xestión integrada para obter réditos políticos.

Os feitos acreditan que mentiron entón porque o Hospital Comarcal de Monforte coa implantación das áreas de xestión integrada, non só ampliou a plantilla senón tamén os servizos e mesmo as instalacións se viron melloradas e, polo tanto, “a realidade demostra que aquela alarma que crearon eran mentira e outra vez están a querer xerar medo e confusión na cidadanía sen motivo que o xustifique”, aseguran.

Crítica a un documento que nin estudou

Os populares consideran que o alcalde debería explicar cales son os verdadeiros intereses que o moven para aprazar o Pleno no que se debaterá sobre o anteproxecto da Lei de Saúde, xa que “de interesarlle a presentación das alegacións, non entendemos como atrasa a convocatoria da sesión ata tres días antes de finalizar o prazo”. Dende o Grupo Popular esixen que aclare os motivos “reais que agocha detrás desta manobra claramente intencionada”.

Ademais, os populares tamén explican que independentemente do acordado en sesión plenaria o alcalde “ten potestade como rexedor para presentar as alegacións que estime oportunas, á marxe da Plataforma”. É dicir, precisan, “que non é competencia do Pleno do Concello a presentación destas alegacións” e lamentan que “o alcalde ningunee permanentemente ao Pleno da corporación e trate de utilizalo cando lle interesa politicamente”.

Polo tanto, “se tal e como di, lle interesa a sanidade pública e presentar alegacións, el mesmo as pode elaborar como representante do Concello. Está claro que busca crear un circo mediático cun tema sensible como é a saúde pública e nós neste xogo non imos entrar”, aclaran.

Ademais, dende o Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte consideran totalmente censurables as declaracións do rexedor cando xustifica o aprazamento do Pleno en ter un maior número de días para estudar o anteproxecto. Entón, isto demostra que “está a criticar un anteproxecto que non coñece, nin ten estudado. Dálle igual a reforma, o que está a facer é un uso político. Busca manter vivo este circo mediático e a alarma que outra vez pretende xerar na cidadanía”, reproban dende o PP.

Novas

Redes Sociais