Novas

Xoves, 17 de agosto de 2017

O Grupo Municipal Popular presentará unha moción, que se debaterá no Pleno de setembro, para que o alcalde poña en marcha esta campaña de difusión das axudas co obxecto de evitar que se continúen a perder importantes cantidades de diñeiro público que o Concello está a devolver ao non se executaren obras de rehabilitación, ante unha situación motivada pola pouca eficacia na xestión do Goberno local

O PP de Monforte solicita ao Goberno local que promova unha campaña de divulgación e información sobre as axudas dispoñibles para a rehabilitación de vivendas na zona ARI

Julia Rodríguez considera “moi grave” a perda deste investimento que podería ter beneficiado a “un número importante de veciños e veciñas e axudado a mellorar a estética da nosa cidade”

O Grupo Municipal do PP de Monforte anuncia que levará á sesión plenaria do próximo mes de setembro unha iniciativa a través da que solicita que o Goberno socialista da localidade impulse unha campaña de divulgación, difusión e información sobre as axudas tanto estatais como autonómicas dispoñibles para a actuación en vivendas da Área de Rehabilitación Integral (ARI) da cidade.

A voceira do Grupo Municipal do Partido Popular na localidade e deputada autonómica, Julia Rodríguez, xustifica a importancia da posta en marcha desta campaña informativa co obxecto de evitar que se volva a repetir “o erro grave” ocorrido nos últimos anos. O Concello de Monforte perdeu máis de 800.000 euros, dos que están pendentes de devolver máis de 30.000 euros, por non executárense obras de rehabilitación na localidade.

Julia Rodríguez critica que dende a administración local non se “levase a cabo ningunha iniciativa que permitise informar aos veciños sobre este tipo de axudas” cando Monforte conta con moitas vivendas que poden ser posibles perceptoras das axudas convocadas e máis dende a ampliación da zona ARI da localidade a raíz dunha iniciativa impulsada polo Grupo do Partido Popular, para que un maior número de vivendas se puidesen beneficiar deste tipo de achegas.

A voceira dos populares advirte de que se está ante un “erro moi grave” de xestión, que recae de forma especial no anterior equipo de Goberno, “pero que non se pode volver a repetir” ao repercutir de forma negativa tanto nos veciños e veciñas como na propia imaxe da cidade que se puido ver mellorada ao longo destes anos.

Julia Rodríguez precisa que estamos ante “unha alta falta de dilixencia” na xestión municipal, xa que o Concello é o encargado de tramitar este tipo de axudas. Neste eido, a popular lembra que xa “no 2012 cuestionamos a contía que recibía a empresa encargada da Oficina de Rehabilitación e a súa deficiente xestión así como a falta de dilixencia do Goberno local no que se refire á solicitude e xestión destas e outras subvencións”.

“Grazas ao impulso do Partido Popular, Monforte conta cunha Área de Rehabilitación Integral máis ampla, polo que son máis o número de vivendas que se poden acoller a este tipo de convocatoria, das que o Goberno local debe informar aos veciños e aclarar todo tipo de dúbidas para que a cidade se poda ver beneficiada deste investimento e non teña que devolver o diñeiro que se lle aproba por non executalo”, considera.

Novas

Redes Sociais