Novas

Sábado, 19 de agosto de 2017

O Grupo Municipal Popular nega as “mensaxes incendiarias que se están a enviar de novo aos cidadáns” e precisa que “en contra do que están a dicir sen fundamento, o hospital comarcal verá garantidos os seus servizos, que incluso incrementará, e será o centro de referencia do distrito sanitario blindando a súa continuidade sen supoñer ningún cambio para os cidadáns pois non haberá modificacións de médico nin de hospital”

O PP de Monforte non participará na estratexia de “engano e medo” que busca liderar o alcalde en materia sanitaria e aclara que a reforma representa un reforzo para o hospital comarcal

Julia Rodríguez reproba o “esperpento” que está a poñer en marcha o alcalde para “incendiar á sociedade co único afán de sacar réditos políticos ao igual que fixeron no 2011 cando se demostrou que mentían xa que o hospital comarcal de Monforte medrou en máis persoal, máis servizos e mellores instalacións”

O Grupo Municipal do PP de Monforte rexeita a “estratexia de medo” que outra vez está a querer empregar o alcalde, algúns grupos da oposición, sindicatos e a plataforma sanitaria en relación ao anteproxecto de reforma da Lei de Saúde de Galicia. “Non seremos partícipes do engano ao que quere someter o alcalde de Monforte aos cidadáns e aos usuarios en relación ao hospital da cidade”, precisan, ao tempo que aclaran que a reforma sanitaria representa “un reforzo para o hospital comarcal”

A voceira do Grupo Municipal do Partido Popular e deputada autonómica, Julia Rodríguez, nega as “mensaxes incendiarias que outra vez lle están querendo enviar aos cidadáns de que o hospital comarcal de Monforte quedará reducido a algo residual, que perderá servizos e que haberá que desprazarse a Lugo”. Segundo precisa a popular, o argumento que empregan de novo para rexeitar o anteproxecto de Lei de Saúde “non ten fundamento” e indica que o hospital comarcal verá garantidos todos os seus servizos, que incluso os incrementará, ademais de que será o centro de referencia do distrito sanitario blindando a súa continuidade e sen supoñer ningún cambio para os cidadáns pois non haberá modificacións de médico nin de hospital.

A realidade do anteproxecto de Lei da Saúde

Os populares, que queren que a cidadanía teña toda a información ao respecto, explican que se está ante un anteproxecto exposto no portal de transparencia da Xunta de Galicia á disposición de calquera veciño que queira facer suxestións.

No que respecta ao proceso ata a súa aprobación, dende o Grupo Popular tamén informan de que este anteproxecto ten por diante todo o procedemento de tramitación que se desenvolverá no Parlamento galego, durante o que todos os grupos políticos poderán facer as súas achegas e emendas.

Ademais, dun xeito máis específico, a voceira dos populares explica que se tratan de catro os artigos que se reforman en materia de ordenación territorial, de maneira que se simplifica a situación actual. Na actualidade existen sete EOXI (Estrutura Organizativa de Xestión Integral), once áreas e 14 hospitais. Así, a reforma establece unha nova división por áreas sanitarias, que coincidirían territorialmente coas actuais EOXI; ademais de crearse 14 distritos sanitarios, entorno a un hospital de referencia, entre os que está o hospital comarcal de Monforte que terá o mesmo ámbito territorial que ten agora.

Polo tanto, “haberá en Galicia 14 distritos, un deles o de Monforte, sendo o seu hospital de referencia o da cidade, que sae reforzado porque se blindan as súas prestacións e pasará a coordinar a atención primaria que ata agora se xestionaba dende Lugo”, aclaran.

Reforzo do hospital

Deste xeito, a modificación da Lei de Saúde implica cambios administrativos que “non afectan aos pacientes, non representan ningún cambio de médico nin de hospital, nin prexudicará en modo algún ás consultas nin aos servizos dos que dispoñemos”, explica Julia Rodríguez, quen engade que, pola contra, “esta reforma representará un reforzo do noso hospital comarcal, posto que permitirá unha maior coordinación entre atención primaria e hospitalaria, a nivel de distrito”.

Os populares dan un dato que demostra que “esta reforma blinda definitivamente a asistencia sanitaria” xa que “só no ano 2016, en Monforte fixéronse máis de 4.000 consultas de especialistas que viñeron do Hospital de Lugo. Co modelo do alcalde e da plataforma este non se produciría”.

Ademais, a popular precisa que este anteproxecto tampouco afecta ao modo de contratación do persoal “que seguirá como ata agora”.

Polo tanto, coa reforma, segundo precisan dende o Grupo Municipal do Partido Popular, “preténdese reorganizar o sistema público de saúde para alcanzar unha utilización óptima dos recursos dispoñibles, tanto materiais como humanos”. En definitiva, “poñer á disposición dos usuarios tódolos recursos humanos e materiais dispoñibles para unha asistencia sanitaria máis eficiente e de maior calidade”.

Xunta de Voceiros

Julia Rodríguez reproba o “esperpento” que está a poñer en marcha o alcalde á hora de convocar e desconvocar plenos para presentar alegacións a un anteproxecto de lei e finalmente presentar unha proposta para que este sexa retirado e se cree un grupo de traballo para elaborar un informe de conclusións. Para os populares estase ante “manobras que o único que buscan é incendiar á sociedade, co único fin de sacar réditos políticos en contra do Partido Popular”.

“Se realmente o alcalde estivese interesado en promover melloras na sanidade pública tal e como di, empregaría a canle que está aberta para presentar alegacións a un anteproxecto que deberá tamén pasar o trámite parlamentario”, consideran, ao que engaden que “estas reclamacións poderíaas presentar como calquera cidadán sen necesidade de ningunear ao Pleno e utilizalo para os seus intereses políticos, situación que rexeitamos dende o Grupo Popular”.

Mentiron no 2011 e volven a facelo

Dende o Grupo Popular lembran que “estas manobras xa as vivimos no ano 2011 e o tempo demostrou que as súas profecías eran falsas, xa que todas as calamidades que anunciaban para o hospital comarcal de Monforte, convertéronse en máis persoal, máis servizos e mellores instalacións”. Esta mesma mellora na área sanitaria “darase de novo agora”, consideran os populares. “En contra do que se está a dicir, os cidadáns poden estar tranquilos. Nin o alcalde, nin a plataforma teñen credibilidade, xa que plantexaron o mesmo fai seis anos e agora non teñen reparo en volver a crear alarma entre os veciños”.

Novas

Redes Sociais