Novas

Luns, 21 de agosto de 2017

O Grupo Municipal Popular denuncia o estado que presentaban as instalacións, mesmo co cableado ao aire en algún punto, polo que preguntará ao Concello sobre a supervisión técnica destas conexións eléctricas e o cumprimento da normativa en seguridade

O PP de Monforte interesarase en Pleno polas condicións de seguridade das conexións eléctricas das barracas durante as festas patronais

Julia Rodríguez anuncia tamén a presentación dunha iniciativa para que dende a administración local se actúe con responsabilidade xa que está en xogo a seguridade dos cidadáns

O Grupo Municipal do PP de Monforte interesarase na próxima sesión plenaria sobre o estado que presentaban as instalacións eléctricas das barracas, en puntos co cableado ao aire, durante a celebración das festas patronais da localidade.

En concreto, a voceira do Grupo Municipal do Partido Popular e deputada autonómica, Julia Rodríguez, explica que as conexións eléctricas das atraccións e postos durante as festas incumprían os requisitos normativos mínimos que establece a lei en materia de seguridade. “Os veciños fixéronnos chegar queixas, ademais de comprobalo nós en persoa, sobre que os cables estaban polo chan, incluso nalgún punto ao aire e mesmo enganchados a través do valo metálico dos Escolapios”.

Ante esta situación, os populares locais preguntarán en pleno ao alcalde sobre quen supervisou durante as festas patronais as instalacións eléctricas e os motivos que desencadearon no feito de que non se cumprise coa normativa correspondente. Dende o Grupo Municipal do Partido Popular tamén pedirán acceso ao plan de seguridade das festas.

Julia Rodríguez precisa que o responsable último de garantir a seguridade cidadá durante as patronais é o alcalde da cidade polo que “pediremos explicacións sobre os motivos que levaron ao Concello a permitir estas condicións no lugar de esixir unhas condicións de seguridade necesarias”.

A voceira dos populares locais e deputada autonómica considera censurable que o alcalde “deixase de lado a súa obriga de garantir a seguridade dos veciños e veciñas, unha responsabilidade prioritaria, xa que todos temos coñecemento de casos nos que estas circunstancias conduciron a situacións de desgracia lamentables”.

Ante esta situación, o Grupo Municipal do PP tamén levará a Pleno unha iniciativa para garantir nun futuro que dende o Concello se actúe con responsabilidade xa que “está en xogo a seguridade dos cidadáns”.

Novas

Redes Sociais