Novas

Luns, 28 de agosto de 2017

Os populares anuncian que non acudirán ao Pleno convocado para mañá

Julia Rodríguez: “O PP non será partícipe de ningún circo que trate de empregar ás institucións con fins partidistas”

O Grupo Municipal Popular defende que o hospital comarcal seguirá sumando servizos asistencias, polo que lles pide “aos alarmistas” que deixen de enganar á cidadanía

O Grupo Municipal do PP de Monforte anuncia que non acudirá ao Pleno convocado para mañá en relación ao anteproxecto de reforma da Lei de Saúde de Galicia, posto que “non seremos partícipes de ningún circo que trate de empregar ás institucións con fins partidistas”.

Desde o PP afirman que “non formarán parte de ningunha estratexia que teña como finalidade intereses políticos espurios que só agochan loitas de poder entre varios dos partidos con representación municipal”. Lamentan que se volva reproducir a situación do ano 2011 cando algúns grupos políticos, sindicatos e plataforma sanitaria dicían que o hospital ía pechar e logo se demostrou que mentían, xa que o hospital creceu en máis persoal, máis servizos e mellores instalacións.

“Fixérono en 2011 e non se ruborizan en volvelo facer agora, por iso queremos lanzar unha mensaxe de calma á cidadanía e por iso non imos participar nese Pleno porque non nos parece a forma de defender a sanidade pública nin a mellora dos servizos asistenciais que a Lei propón para o noso hospital”, engaden.

A Lei blinda e reforza o hospital

O Grupo Municipal Popular defende que o hospital comarcal seguirá sumando servizos asistencias, polo que lles pide “aos alarmistas” que deixen de enganar á cidadanía. “O hospital de Monforte verá garantidos os seus servizos, que incluso incrementará e verá reforzados, e será o centro de referencia do distrito sanitario blindando así a súa continuidade”, explica a voceira do PP.

Os populares insisten ademais en que os cambios que recolle a nova normativa non supoñen cambio algún para os cidadáns, posto que non haberá modificacións nin de médico nin de hospital. Julia Rodríguez recorda que entre os anos 2012 e 2016 se fixeron en Monforte máis de 10.000 consultas de especialistas que viñeron do Hospital de Lugo. “Co modelo que defenden o alcalde a plataforma isto non se produciría”, precisa.

Novas

Redes Sociais