Novas

Martes, 5 de setembro de 2017

Os populares sosteñen que non van participar en reunións nas que unicamente se lanzan mensaxes que non son certas

O PP de Monforte considera que é o alcalde o que debe dar explicacións sobre o motivo polo que minte con relación ao hospital comarcal e aos servizos que ofrece

Julia Rodríguez lamenta que novamente o socialista trate de retrasar a implantación de melloras sanitarias, como así fixo en 2011

O Grupo Municipal do PP de Monforte considera “lamentables” as últimas declaracións do rexedor municipal en relación coa reforma da Lei de Saúde Pública e dille que é el quen ten que dar explicacións sobre o motivo polo que minte en relación co hospital comarcal e os servizos que ofrece.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, explica que o alcalde do PSOE mentiu en 2011 e 2012 e vólveo facer agora ao opoñerse a un modelo sanitario que permitiu que 10.000 doentes foran atendidos en Monforte sen ter que desprazarse a Lugo.

Así, os populares convídano a dar as explicacións oportunas e a que aclare cal é o seu modelo para que o hospital siga gañando en servizos como o está facendo. “Co modelo ao que o alcalde se opuña no ano 2011 os doentes de Monforte e da zona sur recibiron máis tratamentos oncolóxicos, hospitalización a domicilio, consultas de alergoloxía e outras moitas”, precisan desde o PP.

Tanto é así que con aquel engano do ano 2011 retrasaron a implantación de servizos no hospital de Monforte. “É iso o que lle debemos ao alcalde e aos que se suman ao engano de novo, que a nosa área sanitaria fora a última en implantarse como consecuencia dos seus enganos e presións”. “Se alguén ten que dar explicacións é el porque de novo pon paus na rodas en lugar de sumarse aos cambios que contribúen a reforzar os servizos”.

Julia Rodríguez sostén que o seu partido non vai formar parte en ningunha reunión nin coa Plataforma sanitaria nin con ninguén que o único que pretenda “é contar o que xa sabemos que non é certo”. “Non imos ir alí onde só se lanzan mensaxes que non son certos”, conclúe.

Novas

Redes Sociais