Novas

Sábado, 9 de setembro de 2017

O Grupo Municipal do PP demandará no vindeiro Pleno que se prorrogue o prazo de exposición ao público en dous meses máis, ao tempo que critica que o Goberno local non teña os técnicos a disposición dos interesados

O PP de Monforte critica que o Goberno local non estea a dar o servizo adecuado aos veciños e veciñas en relación co plan especial do casco histórico

Julia Rodríguez considera que o documento é pouco ambicioso, sobre todo no que se refire aos espazos públicos e cre que evidencia que o alcalde carece dun modelo de cidade

Os populares farán visitas aos barrios do ámbito do PEPCHA para prestar asesoramento e proporcionar información aos interesados, “o que o Concello non está a facer”

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentará unha moción no próximo Pleno que celebre a Corporación para pedirlle ao Concello que prorrogue o prazo de exposición ao público do plan especial de protección do conxunto histórico, PEPCHA. En concreto demandarán que estea a exposición pública dous meses máis.

Os populares consideran que agosto é un mes practicamente inhábil a efectos administrativos e informativos, polo que os cidadáns non están ben informados sobre o documento de cara a poder propor as súas alegacións. Así demostra o dato de que aínda non se presentou unha soa alegación ao texto pese a ter estado un mes exposto.

Ao mesmo tempo, a voceira do PP, Julia Rodríguez, critica que o Goberno local do PSOE non está a dar o servizo adecuado aos veciños e veciñas, xa que anunciaron que porían técnicos a disposición dos interesados, pero o certo é que cando alguén se achega ao Concello a preguntar polo PEPCHA “simplemente os derivan ao documento pendurado na páxina web municipal”.

Así, desde o Grupo Municipal do PP consideran que o documento non se está a divulgar axeitadamente por parte do Goberno local nin os técnicos teñen a presenza que deberan na información que se presta á cidadanía.

A voceira do PP esgrime que a “falta de colaboración do alcalde revela que non ten interese en que se coñeza o plan nin se fagan alegacións. Non se entende a falta de disposición, non xa agora senón antes da súa aprobación en Xunta de Goberno cando puido reunir aos afectados e non o fixo nin atendeu as súas propostas que desoíu absolutamente. Demóstrase o seu afán escurantista para que non se fale do plan nin se coñeza e pase pola porta de atrás”, incide.

Reunións informativas

Para evitar que esta situación se manteña e a veciñanza teña dúbidas sobre o plan especial de protección do conxunto histórico, os populares avanzan que farán reunións informativas nos principais barrios do ámbito do PEPCHA, “o que o Concello non está a facer”. En concreto, visitarán Os Abeledos, Roberto Baamonde, a Calle Conde, o Cardenal ou o conxunto histórico, entre outras.

Julia Rodríguez explica que con esta medida o seu partido trata de evitar que pase o que aconteceu co PXOM, que rematou nun caixón, “polo que trataremos de que todos os veciños e veciñas poidan coñecer o plan especial en profundidade, saiban cómo lles poden afectar os cambios e as propostas que nel se fan e fagan, se así o consideran, as súas alegacións”.

“Imos darlles todas as facilidades aos veciños e veciñas para que este plan poida ser froito do consenso e axude a recuperar unha zona da cidade que é preciso mellorar e preservar, por iso pensamos que o prazo de exposición debe ser ampliado”, indica.

Un plan pouco ambicioso

Desde o PP consideran que o documento avalado polo Concello é pouco ambicioso, sobre todo naqueles aspectos relacionados coas zonas públicas. “Non achega solucións novas e insisten en que evidencia que o alcalde segue sen ter un proxecto de cidade para Monforte. O que máis nos preocupa é que estea centrado unicamente no asfaltado das rúas, sen ter un modelo de cidade para que Monforte avance de cara o futuro”.

Novas

Redes Sociais