Novas

Sábado, 21 de setembro de 2013

Os populares viñeron denunciando de xeito reiterado que a cantidade destinada a este contrato excedía de forma notable o valor de mercado do arrendamento

Un informe municipal revela o sobrecusto que o Concello estivo pagando polo solar destinado a aparcamento da Cerca

O escrito fixa en 237 euros a cantidade que debe abonarse polo arrendamento, mentres que o Goberno local destinaba 1.066 euros mensuais, que logo rebaixou a 903,93 euros

O Grupo Municipal do PP de Monforte critica o sobrecusto que veu pagando o Concello polo solar da Cerca logo de coñecer un informe municipal no que se fixa que a cantidade a abonar por este espazo destinado a aparcamento debe ser de 237 euros ao mes. O PP veu denunciado de xeito constante que a cantidade que se abonaba polo solar excedía o prezo de mercado. Agora o escrito deixa ao descuberto que se pagaron máis de 1.000 euros durante anos "de xeito consciente e irresponsable" por parte do Goberno local.

Atendendo ao informe municipal, o resto de aparcamentos estaban no seu correcto prezo:

Hortas: 273,59 euros

Benavente. 0 euros (por cesión do propietario a cambio do IBI)

San Antonio: 250,14 euros

Os populares denuncian que todos os monfortinos teñan que asumir un sobrecusto de 800 euros mensuais, preto de 10.000 euros ao ano, indebidamente pagos e como consecuencia dunha decisión arbitraria do equipo de Goberno.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, explica que este informe dá a razón aos populares que en reiteradas ocasións puxeron de manifesto a diferenza existente entre o que se pagaba polo solar da Cerca e o aluguer destinado ao Campo de San Antonio, "con mellor situación e aproveitamento". O solar da Cerca conta con 27 prazas asfaltadas e delimitadas, mentres que o do Campos de San Antonio ten 34 prazas e un nivel medio de ocupación superior, do 100%.

Lavado de imaxe

Os populares recordan ademais que no caso do solar da Cerca e logo das queixas do PP, o Goberno local aplicou un desconto simbólico para dar unha aparencia de regularización sen que o importe abonado se correspondese co seu valor de mercado. Deixaron de pagar os 1.093 euros mensuais para abonar 903 euros ao mes.

Novas

Redes Sociais