Novas

Mércores, 13 de setembro de 2017

Os populares poñen en evidencia as diferenzas existentes entre o proceder do Partido Popular e o da plataforma e dos partidos da esquerda ao tempo que matizan que “si o que pretenden é que se avalen as súas mentiras e bloqueos aos servizos sanitarios; dende o PP non os apoiaremos en ningún caso. Non están a facer ningunha proposta en positivo, só bloquear a mellora da sanidade e enganar aos cidadáns”

Julia Rodríguez precisa que mentres o alcalde e a Plataforma optan por paróns que prexudican á sanidade, “nós traballamos para mellorala”

A voceira popular explica que as actuacións da plataforma, dos partidos da esquerda e do alcalde con estes paróns rotatorios, deixan entrever que “non lles importan os pacientes, nin o bo funcionamento do sistema sanitario, só buscan facer política e defender os seus propios intereses a costa da sanidade”

A voceira do Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte e deputada autonómica, Julia Rodríguez, quixo poñer hoxe en evidencia as diferenzas existentes entre o proceder do Partido Popular, que traballa pola mellora da sanidade pública na área do hospital comarcal de Monforte, e o da plataforma, dos partidos de esquerda e do propio alcalde que o “único que fan é torpedear a mellora da nosa sanidade”.

Julia Rodríguez precisou que “mentres uns optan por poñerse ao carón dos paróns e dos bloqueos que só prexudican ao sistema sanitario e aos pacientes, en particular, nós centrámonos en traballar para mellorar a sanidade, consolidar o papel do hospital e ofrecer, polo tanto, un mellor servizo aos nosos veciños e veciñas; ao igual que o levamos facendo ao longo destes anos”.

Neste eido, a voceira dos populares locais matizou de novo que o Grupo Municipal do PP de Monforte sempre estará en contra de “paróns, bloqueos, encerros e outros actos que implican prexuízos para o servizo sanitario e para os pacientes”. Dun xeito máis preciso a popular afirmou que “si o que pretenden é que a corporación avale as súas mentiras, paróns e bloqueos dos servizos sanitarios; dende o Partido Popular non o apoiaremos en ningún caso”. Para Julia Rodríguez “non están a facer ningunha proposta en positivo, todo o que fan é bloquear a mellora da sanidade e mentir e enganar aos cidadáns”.

A deputada autonómica fixo estas declaracións despois de que se anunciasen posibles peches a partir do mes de outubro. Así, afirmou unha vez máis que “non formaremos parte de ningunha estratexia que teña como finalidade enganar a cidadanía e crear alarmas innecesarias e inxustificadas a prol dos intereses políticos e persoais duns poucos”.

Julia Rodríguez explicou tamén que o proceder estes paróns rotatorios, evidencia que “non lles importan os pacientes, nin o bo funcionamento do sistema sanitario, senón que só buscan facer política e defender os seus propios intereses a costa de danar o sistema sanitario”. Polo tanto, a voceira dos populares lamenta que “pouco lles interesan os pacientes e a nosa sanidade, xa que o único que perseguen é facer política con ela”.

Co PP, a mellora do hospital é innegable

Julia Rodríguez lembra que no ano 2011 algúns grupos políticos, sindicatos e a plataforma sanitaria dicían que o hospital ía pechar e logo se demostrou que mentían, xa que o hospital creceu en máis persoal, máis servizos e mellores instalacións.

“Agora, coa nova Lei de Saúde só pretendemos afondar nestas melloras, consolidando o papel do hospital como de referencia na comarca de Lemos, sen perder autonomía, nin capacidade de decisión e buscando mellores servizos para os pacientes e para o conxunto do persoal sanitario”, precisa Julia Rodríguez, quen insistiu, ademais, en que as modificacións que recolle a nova normativa non supoñen cambio algún para os cidadáns, posto que non haberá modificacións nin de médico nin de hospital.

A popular lembra que, por exemplo, compartir unha mesma área sanitaria na provincia facilitou e fixo posible que os facultativos do hospital HULA se desprazasen ao hospital de Monforte de Lemos para dar novos apoios aos enfermos desta comarca, contabilizándose entre 2012 e 2016 ata máis de 10.000 actos médicos. Co modelo que defendía a plataforma e a esquerda “isto non sería posible e agora de novo pretenden bloquear as melloras no sistema sanitario e, non só de cara ao futuro paralizando a lei, senón tamén xa neste mesmo momento cos paróns rotatorios que defenden”, asegura.

Para Julia Rodríguez, á plataforma e ás forzas da esquerda “non lles importa a atención sanitaria dos pacientes, senón só sacar réditos políticos, mentres nós continuamos centrados no obxectivo de acercar a sanidade ao cidadán e de mellorar a coordinación entre hospitalaria e primaria”.

Polo tanto, coa creación de novos servizos, como por exemplo o de hospitalización a domicilio ou a sala de quimioterapia e con investimentos en obras, tecnoloxías e aparatos médicos por mais dun millón de euros, “é innegable que a calidade e a asistencia da sanidade pública en Lemos ten avanzado de xeito significativo nos últimos anos e, polo tanto, os feitos avalan que o Partido Popular se coloca ao carón dos veciños “e non detrás de pancartas ou manifestacións, que só danan o noso sistema sanitario”.

Novas

Redes Sociais