Novas

Sábado, 16 de setembro de 2017

O Grupo Municipal amosa a súa satisfacción pola sentenza ditada polo TSXG e que avala a postura que mantivo dende fai anos o PP ao defender que moitas obras e custes que Aqualia reclamaba ao Concello estaban no marco do contrato e, polo tanto, eran obrigas da empresa concesionaria do servizo de abastecemento e saneamento

O PP de Monforte levará de novo unha moción a Pleno para que o alcalde actúe “definitivamente en defensa dos intereses do Concello e non de Aqualia, como ten feito ata agora”

Consideran que esta sentencia evidencia que o acordo que o alcalde quería acadar coa empresa Aqualia era favorable para a concesionaria e prexudicial para os intereses do Concello

Instan unha vez máis ao alcalde a que determine as cantidades que a empresa debe ao Concello e propoña un acordo xusto que considere todos os prexuízos que os incumprimentos de Aqualia teñen causado á administración local

O Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte anuncia que levará de novo ao vindeiro Pleno da Corporación municipal unha iniciativa a través da que instarán ao alcalde, o socialista José Tomé, a que actúe “definitivamente en defensa dos intereses do Concello e non de Aqualia, tal e como ten feito ata agora”.

Os populares rexistrarán esta iniciativa unha vez coñecida a sentenza ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que foi remitida polo Concello, e que resolve un dos contenciosos presentados por Aqualia, concesionaria do servizo de abastecemento e saneamento de auga, que reclamaba ao Concello o pago de ata 1,5 millóns de euros por un suposto desequilibrio económico.

A voceira do Grupo Municipal do Partido Popular e deputada autonómica, Julia Rodríguez, considera que o “revés sufrido pola empresa Aqualia con esta sentenza obriga ao Alcalde a reconsiderar a súa postura”, que segundo lembran os populares, “ía na liña de cargarse de informes que favorecían á empresa, en lugar de calcular verdadeiramente as cantidades que estaríamos en disposición de reclamarlle”.

Deste modo, a voceira do Grupo Municipal do PP considera que esta sentenza evidencia que o acordo que o alcalde quería acadar coa empresa Aqualia, “era favorable para a concesionaria e prexudicial para os intereses do Concello e deixa ao descuberto o prexuízo que José Tomé lle tería ocasionado ao Concello de ter chegado a un acordo nos termos que el propoñía”.

“O alcalde tiña moita presa e moito interese en formalizar o pacto con Aqualia que compensaba o comido polo servido, pero esta sentencia o que revela é que as cousas non son como as contaba Tomé”. É dicir, precisa Julia Rodríguez, “que o desequilibrio que reclamou a empresa non era tal, mentres son múltiples os exemplos nos que Aqualia incumpre o contrato e o equipo de Goberno mira para outro lado, como fixo durante doce anos Severino Rodríguez”, engade.

Ante esta situación o Grupo Municipal do PP en Pleno instará de novo a José Tomé a que “defenda os intereses do Concello e determine as cantidades que Aqualia verdadeiramente nos debe por tódolos conceptos e propoña un acordo xusto que considere tódolos prexuízos que os incumprimentos de Aqualia nos teñen ocasionado”.

Julia Rodríguez defende que o informe económico sobre as cantidades que Aqualia debe ao Concello, “e que lle foi solicitado en varias ocasións ao alcalde, sen éxito, mesmo existindo acordos plenarios ao respecto, é imprescindible para cuantificar os incumprimentos da empresa e para reformular calquera posible acordo”.

Satisfacción polo contido da sentenza

Dende o Grupo Municipal do Partido Popular tamén quixeron manifestar a súa satisfacción polo contido da sentenza que vén de liberar ao Concello de Monforte do pago de 1,5 millóns de euros que estaban a ser reclamados pola empresa Aqualia en concepto de desequilibrio económico entre os anos 2001 e 2005.

A voceira do Grupo Municipal do PP quixo valorar a sentenza, a que considera moi acertada e ben fundamentada dende o punto de vista xurídico, e explica que o que reflicte este fallo é que o prego de cláusulas administrativas que regula o contrato do servizo estaba ben formulado e, polo tanto, os distintos argumentos da empresa para xustificar o desequilibrio foron rexeitados pola Sala “deixando claro que o que reclamaba a empresa substancialmente estaba no marco do contrato, e por tal motivo non poden ser custes imprevisibles ou extraordinarios”.

De feito, dende o Grupo Popular precisan que a sentenza avala a postura do Partido Popular, xa que “esta é a liña que dende fai anos ven defendendo o PP, ao entender que moitas das obras e custes que Aqualia lle reclamaba ao Concello estaban no marco do contrato e por tanto, das súas obrigas”, precisa Julia Rodríguez.

Novas

Redes Sociais