Novas

Luns, 18 de setembro de 2017

O proxecto de renovación do pavimento da rúa Conde inclúe a utilización de formigón e a construción de beirarrúas mentres que o Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico Artístico propón para esta vía que o pavimento sexa de granito e a plataforma única sen beirarrúas

O Grupo Municipal do PP de Monforte critica que a obra de renovación do pavimento da rúa Conde non cumpra coas indicacións establecidas no PEPCHA

Julia Rodríguez censura que tampouco se aproveite esta obra para renovar conducións e soterrar o cableado tal e como se recomenda no Plan Especial, polo que trasladarán esta queixa ao Pleno do Concello a través dunha moción

A voceira denuncia que esta situación implica un malgasto do fondos públicos e unha perda de oportunidades; e pon en dúbida a credibilidade do alcalde, quen está a propoñer unhas actuacións que el mesmo non leva a cabo

O Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte critica que a obra de renovación do pavimento da rúa Conde, que vén de ser adxudicada o pasado 11 de setembro, non cumpra coas indicacións establecidas no Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico Artístico, PEPCHA, polo que trasladarán esta queixa ao Pleno do Concello a través dunha moción.

A voceira do Partido Popular e deputada autonómica, Julia Rodríguez, explica que o pasado día 11 de setembro, adxudicouse a obra que ten por obxecto a eliminación de barreiras arquitectónicas e renovación do pavimento da rúa Conde, cun prazo de execución de catro meses e por un importe superior aos 166.100 euros. Así, no proxecto de dita obra indícase que se vai a executar a renovación de pavimento con formigón e adecuando beirarrúas, cando a proposta que o alcalde está a presentar no PEPCHA é que a pavimentación sexa de granito e sen beirarrúas. É dicir, Julia Rodríguez precisa que se está a gastar diñeiro na renovación sen seguir as recomendacións do plan en canto ao pavimento que debe ter a rúa e á configuración sen beirarrúas.

Ademais, a voceira dos populares amósase crítica ante o feito de que non se aproveite a obra para renovar conducións e soterrar o cableado, tal e como tamén se aconsella no Plan. De igual xeito, dende o Grupo Municipal do Partido Popular tamén lamentan que non haxa constancia dun contacto coas empresas de subministros, co obxecto de notificarlles dita actuación na rúa, o que permitiría, deste xeito, coñecer se teñen previsto dende as empresas algún tipo de obra nesta vía. Este trámite evitaría, no caso de haber algunha planificación prevista por parte das empresas, ter que levantar nun breve espazo de tempo de novo a rúa. Esta indicación tamén se recolle no Plan Especial.

É necesario racionalizar o gasto

Así, dende o Grupo Municipal do Partido Popular censuran que o rexedor estea a propoñer aos veciños no Plan Especial unha serie de actuacións sobre estes espazos, pero que cando actúa sobre estas localizacións “non as ten en conta, co conseguinte malgasto de diñeiro público e a perda de oportunidades que representa esta situación”.

Julia Rodríguez considera que esta decisión do alcalde socialista supón a dilapidación de fondos de todos os monfortinos xa que “de ter que renovar o pavimento desta rúa, deberíase facer seguindo as indicacións que propón o plan e non de tal maneira que dentro dun tempo se teñan que realizar obras de novo para adaptar a vía as indicacións do PEPCHA”. A voceira dos populares locais defende a necesidade de racionalizar o gasto e “de non perder o tempo e o diñeiro en facer e desfacer”, precisa, polo que “criticamos que non se aproveite esta obra na rúa Conde para adecuar xa a vía ás recomendacións do Plan”. “Estamos ante un claro exemplo de mala xestión dos fondos públicos”, reproba.

Neste mesmo senso, Julia Rodríguez lembra que algunhas destas medidas dirixidas a “racionalizar o gasto e a evitar posibles danos futuros en rúas renovadas foron propostas polo Grupo Municipal Popular en Pleno, sendo rexeitadas polo equipo de Goberno”. “O alcalde nin apoia as nosas propostas, nin as respecta cando as propón no seu propio plan, o que demostra que o rexedor non ten modelo de cidade, nin credibilidade”, precisa a popular.

Dun xeito máis preciso, dende o Grupo Municipal do PP de Monforte analizan que esta situación pon en dúbida a credibilidade do alcalde baseándose nos propios feitos xa que, os populares pregúntanse que confianza pode ter para os veciños un rexedor que “propón como óptimas para unha rúa unha serie de actuacións, pero que cando ten a oportunidade de levalas a cabo opta por un proxecto que non segue esas directrices que el mesmo suxire”.

Novas

Redes Sociais