Novas

Martes, 19 de setembro de 2017

Os populares enumeran as melloras que a nova normativa trae consigo para o hospital comarcal, entre elas, o incremento de servizos e de actos médicos na cidade do Cabe

O PP pedirá no Pleno que a Corporación de Monforte inste á Xunta a continuar coa tramitación da reforma da Lei de Saúde

Julia Rodríguez explica que presentan esta iniciativa ante a campaña inxustificada que pretende a retirada da reforma coa que os seus promotores desoen as melloras asistencias que a Lei supón para a cidadanía

O Grupo Municipal do PP de Monforte pedirá no Pleno do luns que a Corporación inste á Xunta a continuar coa tramitación da reforma da Lei de Saúde que vai permitir, entre outras mellloras: dar mellor asistencia e de máis calidade no lugar máis próximo ao doente; favorecer aos hospitais máis pequenos, como o de Monforte, con recursos que se acheguen desas estruturas máis grandes; seguir incrementando servizos no hospital comarcal de Monforte; seguir incrementando os actos médicos que se poidan realizar no hospital comarcal evitando así desprazamentos ao HULA; unha maior coordinación entre primaria e hospitalaria; acceso ao mesmo catálogo de probas diagnósticas en primaria con protocolos únicos de área; cobertura en especializada en todos os centros cos mesmos criterios asistenciais e integración por facultativos da mesma especialidade en toda a área; así como maior dispoñibilidade de especialistas no hospital comarcal de Monforte grazas á mobilidade voluntaria de profesionais dentro da área, garantindo a cobertura de especialidades nas que hai poucos profesionais.

Unha campaña inxustificada que desoe as melloras para os doentes

Os populares presentan esta iniciativa ante a campaña inxustificada que pretende a retirada da reforma, desoíndo as melloras asistenciais que traerá para a cidadanía.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, explica que o relativo á organización territorial, que afecta a 4 artigos, está sendo obxecto dunha campaña política, por parte dos grupos de esquerdas e a plataforma sanitaria, “dirixida claramente a dificultar a mellora organizativa que pretende esta reforma, co único fin de obter réditos políticos, sindicais ou doutro tipo por parte de quen a promoven”.

“É evidente que estamos ante unha reforma administrativa, que no que atinxe á organización territorial, non representa prexuízo para os pacientes, senón que achegará vantaxes derivadas dunha mellor e máis eficiente xestión dos recursos dispoñibles. Así, para os pacientes non representará cambio de médico, nin de hospital, nin perda algunha de servizos. Pola contra haberá un incremento dos mesmos e redución dos desprazamentos que ata de agora hai que facer a Lugo”, precisa a popular.

Tal como sinala a exposición de motivos dese anteproxecto, engade, “a visión do sistema público de saúde de Galicia está dirixida a traballar para acadar un sistema asistencial que obteña resultados satisfactorios para a cidadanía de Galicia, a través dos profesionais do sistema sanitario e cunha organización sanitaria eficiente”. “Ese é sen dúbida, o obxectivo desa reforma”, conclúe.

Novas

Redes Sociais