Novas

Mércores, 20 de setembro de 2017

Grazas a esta achega adicional do Goberno galego, o número de beneficiarios do servizo pode incrementarse entre o 40 e o 45%

O PP valora o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar en Monforte por parte da Xunta, que alcanza 9.017 horas ao ano

Julia Rodríguez asegura que este tipo de compromisos demostra que a prioridade do Goberno galego “son as persoas”

O Grupo Municipal do PP de Monforte valora o reforzo que a Xunta de Galicia vén de anunciar cun novo aumento do Servizo de Axuda no Fogar a persoas que teñen limitada a súa autonomía persoal (SAF Dependencia) que se vén de facer efectivo a partir deste mesmo mes de setembro e que se traduce nunha ampliación do número de horas que se veñen presentando.

Así, a partir de setembro Monforte contará con 741 horas de incremento ao mes; un total de 9.017 horas ao ano. Grazas a esta achega adicional da Xunta, o número de beneficiarios do servizo pode incrementarse entre o 40 e o 45%.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, agradece de novo o esforzo que a Xunta esta a facer na cidade do Cabe, o que demostra “ás claras” que para o Goberno galego a prioridade son as persoas, e máis en concreto, a atención á dependencia. Co reforzo do servizo os veciños que teñen a súa autonomía limitada poderán ter unha mellor calidade de vida, así como as súas familias e coidadores, explica a popular.

Así, o Grupo Municipal do PP agradece o traballo que se está a facer desde o Goberno galego e desde a delegación da Xunta en Lugo, o que ten favorecido un investimento adicional de preto de tres millóns de euros na provincia de Lugo para a Axuda no Fogar.

Este novo reforzamento do servizo de axuda no fogar converte a Galicia na primeira Comunidade Autónoma en canto á porcentaxe de persoas atendidas a través deste servizo sobre o total das prestacións recoñecidas.

Efectivo a partir deste mesmo mes

Este servizo farase efectivo a partir deste mesmo mes, tal e como indicou recentemente a Consellería de Política Social. A partir de setembro estarán a disposición dos concellos 148.917 horas mensuais (horas actuais máis incremento) que permitirán aumentar o tempo do servizo en todos municipios da provincia que son todos aqueles que teñen menos de 200 horas pendentes de asignar.

Con esta medida, a Xunta responde ás necesidades de novos usuarios dos concellos e que están pendentes de atención, habilitando a atención adecuada ás persoas demandantes con base tanto nas súas necesidades actuais como na súa situación económica. Estes novos beneficiarios do SAF sumaranse ás 2.641 persoas da provincia que ata o de agora viñan recibindo esta axuda, aumentando en máis de 1.085 persoas os potenciais beneficiarios, un 41% de incremento.

Na provincia o incremento tradúcese nun aumento da partida orzamentaria de 2,9 millóns de euros, repartidos en 25.710 horas adicionais de prestación mensuais, o que supón que, cada ano, se porá a disposición dos concellos 308.515 horas complementarias no Servizo de Axuda no Fogar. Deste xeito, a partires de setembro estarán a disposición dos concellos 148.917 horas mensuais (horas actuais máis incremento).

Novas

Redes Sociais