Novas

Xoves, 21 de setembro de 2017

A deputada popular e voceira do PP de Monforte agradece o impulso á modernización do ferrocarril en Lugo que vén defendendo o presidente Feijóo e que tamén ratifica o Goberno do Estado con estes investimentos

Julia Rodríguez amosa a súa satisfacción cos plans anunciados polo Adif en relación á supresión de pasos a nivel e os proxectos de electrificación do tramo Monforte-Lugo

A popular valora que estas medidas vaian traer consigo “uns servizos ferroviarios máis útiles, eficientes e competitivos”

A voceira do PP de Monforte e deputada autonómica, Julia Rodríguez, amosa a súa satisfacción e a do seu partido cos plans anunciados polo Adif esta semana en relación á supresión de 36 pasos a nivel na vía que une Lugo con Ourense, así como coa adxudicación da redacción dos proxectos da electrificación do tramo Monforte-Lugo, cuxo investimento se aproxima aos 2 millóns de euros.

A redacción dos proxectos afecta a un treito de 70 quilómetros e permitirá dar continuidade á electrificación xa en servizo do tramo Ourense-Monforte e León-Monforte.

A popular valora tamén o anuncio da supresión de 36 pasos a nivel no tramo de rede Ourense-Monforte-Lugo, cinco deles na cidade do Cabe, e asegura que estas medidas “van na liña do compromiso que trasladou o presidente Feijóo e do que xa se aprobou a iniciativa do PP no Parlamento de Galicia de cara a obter investimentos destinados á modernización da rede ferroviaria na provincia de Lugo”. “Un compromiso do PP de Galicia que agora o Goberno do Estado ratifica con estes investimentos”, engade.

A liña Monforte-Ourense, unha prioridade

Tanto é así, que, tal e como se aprobou no Parlamento, a prioridade están a ser aquelas actuacións que faciliten a conexión coa alta velocidade a través da liña Monforte-Ourense. “As medidas anunciadas polo Adif están encamiñadas a mellorar os trazados e reducir os tempo de camiño entre Ourense e Lugo”, explica a popular. O obxectivo é garantir que os tempos de viaxe da conexión Lugo-Ourense-Madrid se sitúen arredor das tres horas.

Chegada da alta velocidade a Lugo

A popular valora o esforzo inversor que se vai a facer por parte do Goberno do Estado, o que “vén a acreditar que existe un compromiso real e irrenunciable e que se están dando os pasos necesarios para que cando dispoñamos do AVE tamén poidamos ter unha velocidade alta na conexión entre Ourense e Lugo que nos permita acurtar os tempos con Madrid”.

“Agradecemos o esforzo de todas as administracións implicadas e a sensibilidade que están a ter coas últimas demandas que trasladamos desde o Parlamento, o que reforza o traballo que o PP está facendo polas melloras ferroviarias entre Ourense e Lugo”, indica Rodríguez. A popular estima que estas medidas vaian traer consigo “uns servizos ferroviarios máis útiles, eficientes e competitivos”.

Novas

Redes Sociais